Un novo vehículo especializado incorpórase ao parque de Bombeiros da Coruña

por Redacción A Coruña

O vehículo, deseñado para levar a cabo traballos de excarceración ante posibles accidentes de tráfico, conta tamén cunha cisterna cunha capacidade de 1.500 litros

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá as instalacións do parque municipal de Bombeiros, en Agrela, instalacións nas que o Goberno municipal levou a cabo un investimento de 760.000 euros, só en materia de infraestruturas, durante o pasado mandato.

A rexedora subliñou «o compromiso do Concello co equipo de profesionais dos Bombeiros da Coruña» para dar continuidade ao plan de melloras previsto no parque, tanto no recinto exterior como no interior do edificio, así como no referente á dotación de equipos técnicos e a frota de vehículos.

A este respecto, Inés Rey presentou hoxe o novo camión de primeira intervención destinado ao servizo municipal de Bombeiros, un Scania fabricado e adaptado especificamente para as intervencións do equipo, especializado en levar a cabo traballos de excarceración ante posibles accidentes de tráfico na estrada. «Coa incorporación deste modelo, que substitúe a outro vehículo que tiña 27 anos de antigüidade, facilitamos tamén a renovación do parque móbil do servizo de Bombeiros», incidiu a alcaldesa.

O novo camión está dotado cunha caixa de cambios automática e un xerador de última xeración. Ademais, a cisterna do vehículo, de aceiro inoxidable, ten unha capacidade de 1.500 litros. A este respecto, o camión conta tamén cunha bomba de extinción de presión combinada, idónea para a execución de traballos en edificios de altura.

O investimento levado a cabo polo Concello para adquirir o vehículo foi de 298.500 euros.

A continuidade do plan de melloras no parque municipal de Bombeiros

Inés Rey, acompañada este venres pola concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, fixo balance das últimas intervencións executadas no parque de Bombeiros. Neste sentido, e desde o anterior mandato, o Goberno municipal concretou melloras no sistema de ventilación no semisoto e no andar baixo do edificio principal e tamén se completaron melloras nos accesos exteriores e na área de estacionamiento; substituíuse a cuberta do parque municipal para evitar posibles filtracións de auga e renovouse o sistema de calefacción para facelo máis eficiente.

Ademais, reformáronse estancias de uso habitual para os profesionais do servizo (cociña, comedor) e tamén os almacéns do parque, para facelos máis versátiles e cómodos no uso cotián. En paralelo, e no contexto da crise sanitaria pola Covid-19, o Goberno de Inés Rey facilitou a creación dunha nova zona de descontaminación e lavado de EPI.

A maiores, e xa no referente á frota de vehículos do parque, no pasado mandato mercouse un novo vehículo todoterreo, valorado en 44.000 euros, e unha embarcación neumática valorada en 32.000 euros.

Por último, no apartado de subministros persoais, adquiríronse novos equipos de protección individual para os bombeiros, por valor de 400.000 euros. Tamén 108 traxes técnicos, valorados en 43.000 euros.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario