Fabiola García celebra o 44 aniversario do Centro Galicia en Bos Aires.

por Redacción Internacional

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta, Alejandro López Dobarro, asistiu este venres á cea de gala en conmemoración polo 44 aniversario do Centro Galicia en Bos Aires. Durante a viaxe institucional que está a realizar esta semana por América Latina, a conselleira tivo a oportunidade de trasladar o agarimo da sociedade galega a este centro no que cada día se reúnen centos de galegos emigrados.

A conselleira agradeceu no seu discurso ao Centro Galicia de Bos Aires o seu labor de coidado, difusión e mantemento da cultura e a tradición galega ao outro lado do océano Atlántico. Así mesmo, afondou no emocionante que é ver como, a quilómetro de distancia, a semana do 25 de xullo cobra un significado tan especial para centos de galegos na diáspora que seguen recordando as súas orixes e trasladan o seu cariño pola súa terra de xeración en xeración.

Este Centro Galicia de Bos Aires conta cunha gran comunidade de galegos que se achegan ás súas instalacións para asistir a clases de música, baile tradicional, gaita ou teatro. Conta con máis de 9.000 socios, dos cales a gran maioría teñen orixe galega. A conselleira apuntou que para todos eles, “galegos de orixe e de corazón”, é esta celebración do 44 aniversario e da semana de Galicia.

Convenio Centro Galego Mar del Plata

Previamente, a conselleira asinou tamén un protocolo de colaboración co Centro Galego Mar del Plata, por valor de 10.000 euros, para seguir apoiando o funcionamento do seu centro de día de atención a maiores. Fabiola García agradeceu que estas entidades continúen a reforzar o vínculo entre a Arxentina e Galicia e sinalou que o Goberno galego seguirá devolvéndolle a estes galegos na diáspora un pouco de todo o que teñen achegado a Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario