O panel para fotos colocado a semana pasada na zona da ponte de Baldaio incorpora unha “zona selfie”
Ademais de gozar dunhas vistas espectaculares da marisma de Baldaio, agora no miradoiro de Sambade poderás aprender moito máis sobre este impresionante espazo natural. A Concellaría de Medio Ambiente vén de colocar un novo panel con información sobre a importancia das marismas para a conservación dos recursos naturais, así coma unha serie de consellos para conservalas no mellor estado posible. Toda a información está dispoñible en galego, castelán e inglés.
A mesa informativa de Sambade súmase ao panel instalado a semana pasada na zona da ponte de Baldaio, e forma parte dun plan de sinalización e posta en valor dos recursos naturais que inclúe un total de 15 elementos físicos de distinto tipo, en función do seu emprazamento e das características do espazo.
O soporte situado xunto ao sendeiro peonil de Baldaio, entre a caseta de observación de aves e a ponte, estase a converter nun punto de referencia para as persoas que visitan a zona, e xa son moitas as fotografías realizadas aproveitando o marco do propio panel coa marisma de fondo. Para facilitar a súa utilización, hoxe mesmo quedou instalada unha “zona selfie”, que non é máis ca un soporte de madeira especialmente preparado para poder colocar o teléfono móbil á altura e á distancia axeitadas para tomar a fotografía.
A intención do Concello de Carballo é seguir renovando, completando ou implantando elementos físicos que contribúan á divulgación dos principais valores medioambientais do litoral carballés para seguir promovendo un turismo cada vez máis sustentable, obxectivo que tamén marcaron co programa Eu quero Razo-Baldaio, que despois dun intenso verán, rematará este sábado 26 cunha limpeza colectiva de plásticos e microplásticos guiada por Adega.