O FICBUEU convertirase no primeiro festival galego de cinema con ludoteca gratuíta para facilitar a conciliación

por Redacción Galicia

O novo servizo atenderá a menores de 3 a 10 anos e estará dispoñible polas tardes, entre o 11 e o 16 de setembro, no Centro Social do Mar de Bueu

Seguindo a estela de grandes festivais internacionais de cinema coma Berlín, Cannes ou San Sebastián, e na liña do seu compromiso social, o Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, convertirase nesta edición nun evento a favor da conciliación familiar coa creación dunha ludoteca para nenas e nenos de 3 a 10 anos. O seu obxectivo é facilitar a asistencia de nais e pais ás proxeccións das curtametraxes programadas e tamén ás actividades culturais relacionadas co certame, que terá lugar entre o 8 e o 23 de setembro na vila pontevedresa.

Este novo servizo é pioneiro nos festivais de cinema que se celebran en Galicia e conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta. «A experiencia e o contacto co noso público habitual dinos que en moitas ocasións a súa presenza no festival está condicionada por ter que coidar das e dos menores ao seu cargo. Por iso impulsamos esta nova iniciativa, para favorecer a igualdade no acceso á cultura», sinalan dende a organización do FICBUEU.

A ludoteca será gratuíta e disporá de 15 prazas, que se cubrirán por orde de chegada. Estará ubicada no Centro Social do Mar de Bueu –o recinto onde se celebra cada ano o certame– e abrirá dende o luns 11 setembro ata o sábado 16, de 17.30 a 21.00 horas. O espazo de ocio deseñado para a rapazada estará supervisado por persoal do FICBUEU e disporá de xogos (algúns deles feitos e cedidos pola Asociación Juan XXIII de Cangas), contos e libros, actividades creativas e tamén zona de descanso.

Con este servizo, as familias poderán desfrutar da programación do festival dirixida ao público de máis idade coa tranquilidade de que a cativada estará ben coidada, entretida «e compartindo tempo en grupo». «A conciliación é un tema recorrente, pero case sempre esquecido se falamos de ocio e actividades culturais para persoas adultas. É importante concienciar e facelo con feitos», afirman dende a organización.

Curtas, coloquios, música ou radio

O FICBUEU, que amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema de autor, celebrará a súa 16ª edición coa proxección de 89 curtametraxes dunha trintena de países dos cinco continentes, das que 28 participarán na «Sección Oficial». A selección de curtas complétase coas que se poderán ver nas categorías «GZ_00», «Escolas Internacionais», «Descubertas», «Retrospectiva» (dedicada este ano ao realizador holandés de curtas documentais Joris Ivens), «Escolas Galegas» e «Curtas en Familia». Tamén haberá coloquios con cineastas, charlas e clases maxistrais, concertos, obradoiros e programas de radio en vivo.

A entrega de premios do FICBUEU 2023 terá lugar o sábado 16 (23.00 horas) no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. Un dos galardóns será o Premio Cinema Galego FICBUEU, que nesta edición se outorgará a Luisa Merelas, actriz de coñecidas series e películas como Pratos Combinados, Fariña, Los lunes al sol ou As bestas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario