O número de docentes en Infantil e Primaria mantense igual respecto ao curso pasado malia haber 2.600 estudantes menos
O ensino público galego contará no curso 2023/24 con 370 profesores máis, ata chegar a un total de 31.044, para o conxunto de alumnos dos centros públicos, un total de 225.013. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, en declaracións aos medios ante o inicio escolar.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia detallou que, dos docentes a maiores, 260 se corresponden co incremento da oferta de FP, 70 destínanse a programas de prevención do abandono educativo e de atención á diversidade e outros 40 para o incremento de grupos en ESO e Bacharelato.
No caso de Infantil e Primaria, mantense invariable o número de mestres, malia que o número de estudantes nestas etapas no sistema público descende en máis de 2.600 alumnos respecto do curso pasado.
Román Rodríguez lembrou que Galicia é unha das comunidades con menor taxa de abandono educativo temperá (9,9%), ademais da Comunidade que ten maior porcentaxe (94%) de alumnado con necesidades específicas de atención educativa integrado en centros ordinarios. “Estamos a falar dun dos sistemas educativos con mellores rateos profesor/alumno de España (arredor do 70% das aulas están por debaixo de 20 alumnos) e cun maior investimento por estudante, só por detrás de Euskadi e Navarra, que teñen réximes fiscais propios –explicou–. Ademais de ter un dos mellores panoramas do Estado no relativo aos resultados educativos, tal e como indican informes como PISA”.
“Sempre temos marxe para mellorar, de feito imos seguir traballando nesta liña, potenciando a calidade do sistema e a súa equidade e garantindo a igualdade de oportunidades”, salientou o conselleiro. “Todo isto faise con recursos”, engadiu, destacando que “a aposta da Xunta de Galicia polo ensino é evidente: con menos alumnos imos ter máis profesores no conxunto do sistema”, dixo o conselleiro.
O curso 2023/24 comeza o vindeiro luns día 11 para un total de 311.823 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato (entre centros públicos, concertados e privados). O número de alumnos matriculados no curso pasado (datos consolidados) e no que vai comezar (datos provisionais) no réxime ordinario é o que se recolle na seguinte táboa:
Número de alumnos/as no conxunto do sistema en centros públicos, concertados e privados
Etapas | Número de alumnos/as Curso 22/23 | Número de alumnos/as Curso 23/24 | Diferenza |
Educación Infantil | 52.997 | 50.117 | -2.880 |
Educación Primaria | 130.196 | 129.290 | -906 |
Educación Especial | 1.249 | 1.273 | +24 |
ESO | 96.716 | 98.074 | +1.358 |
Bacharelato | 33.074 | 33.069 | -5 |
Total | 314.232 | 311.823 | -2.409 |
Só no sistema público, o número de alumnos nestas etapas descende en case 1.800. Aínda así, haberá en funcionamento 11.924 aulas para algo máis de 225.000 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Isto supón un reforzo do número de unidades para o próximo ano académico en comparación co curso anterior (no que estiveron en funcionamento 11.916 aulas para as ditas etapas) malia rexistrarse case 2.000 matrículas menos.
Cómpre lembrar que o terceiro período de matriculación en Formación Profesional remata hoxe mesmo, polo que nas próximas semanas haberá que engadir a estes datos os dos matriculados nestas ensinanzas, que xa romperon un récord o curso pasado ao chegar case os 61.000 alumnos. Neste sentido, o conselleiro destacou a aposta do Goberno galego pola FP, coa maior oferta de prazas da historia, un total de 42.174 postos de novo ingreso, un 12% máis.