A actuación ten un orzamento de 85.000€ e co cambio aforrarase a emisión de máis de 61 toneladas de CO2 á atmósfera cada ano
O Concello de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de contratación do proxecto de substitución da actual caldeira de gas da piscina municipal por un sistema de biomasa. A actuación está orzamentada en 85.000€ (IVE incluído) que o goberno local ten previsto financiar a través do Fondo de Cooperación Local e as empresas interesadas teñen ata o día 6 de outubro para presentar as súas ofertas.
O cambio de sistema vai aforrar ao ano a emisión de 61,39 toneladas de CO2 á atmósfera. Actualmente, a piscina municipal conta con dúas caldeiras de gas, un combustible fósil que é máis contaminante, e unha microxeración de gas que non está en uso. A actuación pasa por modernizar as instalacións, consonte o que di o Código Técnico da Edificación e o Regulamento da Instalacións Térmicas en Edificios, para empregar enerxías renovables. Así, as novas caldeiras funcionarán con pellets e permitirán quentar o vaso de auga da piscina, proporcionar calefacción ao edificio e producir auga quente.
Instalaranse dúas caldeiras de biomasa, de 64 kW de potencia cada unha, que se alimentarán de forma automática desde un silo textil ubicado na parte superior da actual sala das caldeiras de gas. Mellorarase o illamento das tubaxes, para evitar perdas de enerxía, e levarase a cabo unha mellora na regulación do sistema, que estará mellor controlado e por tanto será máis eficiente.
O Concello de Cedeira está a reclamar a construción dunha nova piscina de 25 metros, porén cando ese proxecto se faga realidade –clarexan desde o goberno local- a actual seguirá a prestar servizo á poboación.