Ecoloxistas en Acción lanza a súa campaña «Bota Contas» para activar a transición ecosocial en Galicia

por Redacción Galicia

«Bota Contas», a campaña de concienciación de Ecoloxistas en Acción, amosa os negativos impactos ambientais e sociais causados polo modelo socioeconómico actual. Con ela, a organización ecoloxista procura que a sociedade galega se active ante a necesidade de abordar os cambios precisos para evitar o grave impacto ambiental que están causando algúns dos usos e hábitos considerados «normais» na sociedade actual.

A organización ecoloxista sabe que mobilizarse contra as inxustizas ambientais o climáticas non é cómodo para a maioría da sociedade, pero coa súa campaña resaltan que quedarse caladas pode saír moi caro, xa que sería entregar o territorio galego ao extractivismo mineiro ou enerxético e negarlle o futuro ás xeracións vindeiras. Por iso, propoñen activarse na constitución de comunidades enerxéticas, porque, aínda que non é doado, alertan que non sae a conta entregarlle o rural ao oligopolio enerxético. 

Fan un chamamento tamén ao consumo responsable porque sinalan que, aínda que pode semellar máis caro a simple vista, se botamos as contas e sumamos o daño ambiental que causa a produción dalgúns productos, moitas veces innecesarios ou fabricados por grandes holding de empresas socialmente irresponsables, decatamonos do custe real dun consumo inconsciente e irracional.

Destacan a necesidade de reducir o consumo de carne e, ao mesmo tempo, diferenciar a gandería tradicional en extensivo da industria cárnica intensiva. Alertan que a contaminación dos acuíferos e augas superficiais que está causando a proliferación de macrogranxas é xa un problema ambiental de primeira orde que de no remedialo hipotecará o futuro da xente máis nova.

O «cochismo», o uso desaforado do automóbil privado, é outro dos hábitos, neste caso de mobilidade, no que a organización ecoloxista cre que se debe incidir. Sobre todo nas urbes galegas, nas que anualmente se suceden centos de mortes prematuras e milleiros de persoas afectadas pola contaminación do aire.

Ecoloxistas en Acción quere que a sociedade galega sexa consciente do pasivo ambiental que producen moitos productos, hábitos de consumo ou usos de mobilidade. Un pasivo que moitas veces está agochado no custe porque a industria non se fai cargo del e o endosa á sociedade. Unha sociedade que remata pagando entre todos polo deterioro do medioambiente causado por uns poucos. 

Agardan que coa campaña Bota Contas, a sociedade galega se active e que cada vez haxa máis galegos e galegas que rexeiten facer do futuro o vertedoiro do presente.

Infografías campaña Carlos Lorenzo

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario