O xurado acordou outorgar o Premio Otero Pedrayo 2023 ao académico e crítico literario Francisco Darío Villanueva Prieto
O fallo comunicouse tras unha reunión mantida no Pazo de San Marcos na que se valoraron e votaron as distintas candidaturas presentadas.
Ademais da candidatura premiada, presentada pola Xunta de Galicia, presentáronse a do grupo musical Fuxan Os Ventos, por parte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e a do filólogo e estudoso da tradición oral Domingo Blanco, por parte da Asociación Oral de Galicia.
Tras a deliberación do xurado, composto por representantes da Xunta de Galicia, das catro deputacións provinciais, das tres universidades, da Real Academia Galega, do Instituto Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo e presidido polo secretario xeral de Cultura Anxo Lorenzo, procedeuse á votacion das candidaturas.
Darío Villanueva foi elixido na segunda ronda de votacións, grazas ao voto de calidade da presidencia do xurado, tras un empate a votos entre a súa candidatura e a de Fuxan Os Ventos.
Darío Villanueva Prieto
Nado en Vilalba en 1950, Darío Villanueva Prieto é catedrático de Teoría da Literatura e de Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi reitor entre 1994 e 2002. No 2007 ingresou na Real Academia Española, que dirixiu de 2014 a 2018.
É autor de numerosos ensaios sobre escritores como Valle Inclán, Azorín, Torrente Ballester, Camilo J. Cela ou Emilia Pardo Bazán; e publicou, como autor único ou colaborador, medio centenar de libros sobre crítica e teoría da literatura. As súas últimas publicacións son “De los trabajos y los días: filologías” (2020), “Morderse la lengua. Corrección política y posverdad”(2021) e “Poderes de la palabra” (2023)
Premio Otero Pedrayo
O Premio Otero Pedrayo creouse en 1977 co obxectivo de preservar a memoria de Otero Pedrayo e recoñecer a labor de contribución á cultura, aos valores propios de Galiza e á mellora da súa cidadanía e institucións de persoas particulares ou entidades e conta cunha dotación de 16.000 euros.A organización corresponde de forma rotatoria ás deputacións provinciais, que colaboran tamén na dotación do premio.