Alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda da UDC presentan os seus proxectos de marca no Modiña Summit da Coruña 

por Redacción A Coruña

 As alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda, Lucía Sánchez Figueroa, Ailin Lecea Sánchez, Alejandra Varela Iglesias, Alba García Romero e Yolanda Blanco Pereiro, presentan os seus proxectos de marca, o vindeiro xoves 16 de novembro, ás 12:00 horas, nas instalacións do Work Café Santander da Coruña, na JF64 Emprende. Competición de Startups enmarcada no congreso Modiña Summit que organiza o Laboratorio de Moda en Galicia (Modiña Lab), unha iniciativa promovida polas empresas Galicia de Moda e Diesemm

Lucía Sánchez Figueroa, Ailin Lecea Sánchez e Alejandra Varela Iglesias terán a oportunidade de presentar nesta competición de startups o seu proxecto, Savalé, unha marca de bolsos feitos a man con distintos tipos de teas e totalmente personalizables. Pola súa banda, Alba García Romero terá que defender ante o xurado todo o traballo que hai detrás de Izanti, unha marca de xoiería artesanal realizada con arxila polimérica. A última das alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda en participar nesta iniciativa para a procura de talento será Yolanda Blanco Pereiro quen amosará os seus avances en Suidade Deseño Galego, unha marca de bolsos elaborados de xeito artesanal botando man de láminas de madeira de samba e de coiro de vaca curtido de xeito vexetal. 

 Os proxectos de marca destas cinco estudantes da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol foron seleccionados entre máis de 50 propostas. Finalmente, defenderán as súas ideas de negocio xunto a resto de proxectos seleccionados, un total de 11 iniciativas, nun tempo máximo de cinco minutos e sen material de apoio nas súas presentacións. O xurado, integrado por persoal experto do mundo da empresa, da industria da moda e do sector da innovación, valorará a idea, a presentación e a posibilidade real de entrada dese produto no mercado a curto ou medio prazo. 

Mesas e conferencias sobre innovación, emprendemento e sustentabilidade

A directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares, e o coordinador do grao en Xestión Industrial da Moda, Manuel Escourido, participarán xunto co director do Departamento de Recursos Humanos de Pull&Bear, Julián Zaera, nunha mesa redonda sobre a formación na industria moderada polo CEO de Diessem, David Suárez, o próximo mércores 15 de novembro, ás 18:00 horas, na Fundación Luis Seoane. O programa do congreso Modiña Summit inclúe outras moitas mesas redondas e conferencias sobre a situación actual da industria en Galicia, a captación e retención de talento, a aposta pola innovación e máis polo emprendemento ou a sustentabilidade. 

A maiores, e como actividade complementaria ao congreso Modiña Summit, está previsto que a Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolla, o luns 20 de novembro, unha conferencia en liña impartida por persoal da empresa de moda ECOALF. A actividade está dirixida ao alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda e aberta a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral interesado.

Máis información en www.modiñalab.com 

Foto portada: De esquerda a dereita, as alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda, Lucía Sánchez Figueroa, Ailin Lecea Sánchez, Alejandra Varela Iglesias, Alba García Romero e Yolanda Blanco Pereiro, quen presentarán os seus proxectos de marca, o vindeiro xoves 16 de novembro, na JF64 Emprende. Competición de Startups no marco do congreso Modiña Summit que organiza o Laboratorio de Moda en Galicia, unha iniciativa impulsada polas empresas Galicia de Moda e Diesemm. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario