Os Bombeiros Comarcais iniciarán unha acampada indefinida en Compostela e piden o cesamento de Santiago Villanueva

por Redacción Galicia

Conforme ao acordado na anterior asemblea de traballadores do día 11 de outubro, onte mantívose unha xuntanza na que o comité de folga expuxo aos bombeiros convocados o punto no que se atopaba a negociación do convenio marco e a proposta de novas medidas en función aos avances que se observaran logo do calendario de mobilizacións que se establecera o mes pasado.

Como xa é sabido, dende o día 25 de setembro, a pesares da intensa axenda de mobilizacións os avances no relativo á negociación do convenio son nulos. Non se produciu ningunha xuntanza nin se fixo, por parte das administracións como algún presidente se aventurou a insinuar, ningunha proposta ou oferta. Lonxe diso, e sen valorar a nosa proposta de convenio colectivo, invitóusenos a presentar outra, descoñecendo que aspectos do modelo proposto serían compatibles e cales non, motivo polo que dende a parte traballadora esiximos se repoñan as conversas para analizar o punto de partida.

O feito de que a clase política nos estea a faltar ao respecto con constantes mentiras vertidas nos medios e con mostras reiteradas de ignorancia e descoñecemento da situación, ademais de enturbar máis o conflito e o sentir do colectivo, lévanos a pensar que existe unha terrible fisura no fluxo de información. Os elementos intermedios non están a trasladar a información de xeito adecuado ou o fan buscando torpedear a negociación.

A falta de avance, a postura de bloqueo de Xunta e Deputacións, as mentiras e/ou mostras de ignorancia e descoñecemento, irremediablemente obrigan á continuidade de medidas por parte dos traballadores. Entre outras aprobáronse ás seguintes:

  • Continuidade da non realización de servizos extraordinarios voluntarios, como ven acontecendo dende o comezo do noso conflito.
  • Non participaremos en actividades formativas de organismos da Xunta ou das Deputacións, en calidade de formadores ou de alumnos cando se trate de formación voluntaria.
  • Vaise comezar unha batería de medidas administrativas e xurídicas, como a exposición da situación ante o Valedor do Pobo (Galicia), Defensor del Pueblo (España) e do Ombudsman (Unión Europea). Denuncia dos incumprimentos da Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia. Denuncia da situación ante a Fiscalía Xeral, polos xa 450 peches de parques que se produciron ata o de agora. Tamén se comezarán a denunciar ante inspección laboral todas as irregularidades que se están a producir en materia de Seguridade e Prevención de Riscos Laborais, como paso previo á demanda xudicial de todos as carencias en dita materia.
  • Aprobouse a elaboración duns estatutos que regulen a constitución dun fondo de continxencias a nivel autonómico participado por todos os traballadores dos catro consorcios, xa que entendemos que esta loita vai a ser a longo prazo, polo que a provisión de fondos económicos é algo indispensable.
  • Calquera traballador que por quenda non estea a facer labores establecidas como “servizo mínimo” poderá secundar a folga se así o decide.
  • Acordouse tamén presentar unha solicitude de reunión amparada na Lei Orgánica 9/1983 de 15 de xullo, para iniciar unha acampada indefinida en Santiago de Compostela. Queda pendente determinar data de comezo e emprazamento exacto, información que no momento que se formalice será difundida.
  • Tamén se acordou por unha ampla maioría absoluta a aprobación da folga de fame como medida de presión. Esta medida establecerase no momento que o Comité de Folga determine que a vía da negociación queda totalmente suspendida sen opción algunha ao diálogo,. No caso de que o diálogo se manteña aberto (como ata o de agora) pero sen visos de vontade negociadora e sen avance, a folga de fame comezará, de xeito universal en todos os parques comarcais, no momento que o Presidente da Xunta faga a convocatoria de eleccións autonómicas.
  • Acordouse facer un seguimento das axendas dos líderes políticos das entidades que conforman os Consorcios Provinciais.

Estas medidas foron aprobadas, mais unha batería de novas ideas foi exposta polos asistentes, que continuarán a trasladarllas ao comité de folga nas vindeiras datas para a súa valoración. De entre todas as propostas feitas polos asistentes, procedeuse a facer a votación dunha delas, pola súa transcendencia: aprobouse por unanimidade dos asistentes que se faga unha solicitude formal do cesamento e destitución do Director Xeral de Emerxencias de Galicia, Santiago Villanueva, posto de confianza que segundo a parte traballadora está a bloquear e distorsionar a información que traslada aos responsables políticos dos consorcios provinciais de bombeiros

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario