| Os socialistas denuncian a irrelevancia de Arteixo nos orzamentos presentados polo goberno do PP para o 2024 que deixan novamente sen atender as necesidades do concello en materias de competencia autonómica como infraestruturas, portos, sanidade, educación e servizos sociais.
“Unha vez máis observamos que as cantidades que dedica o goberno galego ao noso concello son na súa maior parte recursos para o desenvolvemento do polígono de Morás, unha vella partida sen executar que xa é repetitiva nos orzamentos de tódolos anos para o saneamento de Larín e Monteagudo e as obras para a nova traída de auga que acabaremos pagando dende o concello” explica a voceira do grupo municipal socialista, Ana Cedeira.
A edil socialista sinala que non hai partida para a construción dun novo centro educativo en Arteixo, “que xa non é unha necesidade para a Xunta de Galicia e tampouco para o noso Concello”, e tampouco investimento para os centros educativos existentes, como a rehabilitación do IES Manuel Murguía ou a pista deportiva do IES de Pastoriza.
Para o grupo municipal socialista os orzamentos da Xunta tamén son deficitarios para Arteixo no eido social, porque o goberno galego non presenta nin unha soa inversión para a ampliación do centro de saúde de Arteixo, completamente saturado e con fallas de persoal e especialistas, así coma nos centros de Vilarrodís e Meicende, e tampouco se incrementa a oferta de prazas nunha nova residencia e centro de día para os nosos maiores no norte do noso concello.
No ámbito das infraestruturas os socialistas advirten que seguen sen chegar as actuacións necesarias para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade na estrada AC-552, propiedade da Xunta de Galicia, cunha necesidade prioritaria para a parroquía de Larín e o barrio de Candame, “no que vemos como se instalan unhas equipadas paradas de bus pero non existe un camiño seguro para os que as utilizan, entre eles maiores e estudantes,” e reclaman unha inversión para a mellora do porto de Suevos “que melloraría nas súas condicións cun novo dique”.
ZONA DE SACRIFICIO INDUSTRIAL
Dende o Partido dos Socialistas de Galicia en Arteixo recoñecen os beneficios de apostar polo solo industrial para que empresas como Estrella Galicia estean a implantar unha nova fábrica no polígono de Morás grazas á auga procedente de Cecebre coa nova traída en construción, pero “sen esquecer a obriga de dar resposta as múltiples necesidades sociais e de infraestruturas que ten a nosa ciudadanía”, que soporta as cargas propias dun concello industrial, pero que non pode causar unha caída na calidade dos servizos que reciben da administración, “cunha sanidade cada día máis feble, unha educación con menos recursos e saturada, unha atención aos nosos maiores deficiente e unha infraestrutura viaria, cada día máis insegura e colapsada” sinala Cedeira.
Os socialistas arteixáns, explica a súa voceira, “introducimos emendas aos orzamentos da Xunta para o 2024, tal e como fixemos os anos anteriores, coa pouca esperanza de ver se son aceptadas por un goberno galego, que mira para Arteixo como unha zona de sacrificio industrial sen poñer as medidas para que a implantación de novas empresas veña con solucións para a veciñanza”
EMENDA TRANSVERSAL: LIBERACIÓN DA PEAXE DA AG 55
Ana Cedeira sinala que presentan unha emenda transversal para pedir a liberación da peaxe da AG-55, “unha liberación necesaria que só pode facer realidade o goberno da Xunta de Galicia, nunha estrada que é da súa propiedade, que foi construída como pública e que o PP converteu en privada”.
Despois de lembrar o fracaso do alcalde nos tribunais, os socialistas argumentan que “a eliminación da peaxe da AG-55 segue a ser esencial para o futuro da nosa actividade económica e da mobilidade da nosa veciñanza”, polo que afirman que “cómpre solicitarlle á Xunta de Galicia o compromiso orzamentario necesario para a liberación da peaxe coa mesma forza e unidade das forzas políticas locais que tivemos na reivindicación que lle fixemos ao Estado”.
EMENDAS PARA A CIDADANÍA
As emendas presentadas aos orzamentos que afectan directamente á cidadanía arteixá son:
- Proxecto de mellora integral da seguridade viaria na AC-552 ao seu paso por Vilarrodís, Candame, Lañas e Larín.
- Proxecto novo Centro Educativo
- Proxecto rehabilitación do IES Manuel Murguía
- Proxecto cuberta IES Pastoriza e construción de vestiario
- Proxecto construción Centro de día e residencia de maiores zona norte do concello
- Proxecto construción dun dique no Porto de Suevos
- Proxecto ampliación Centro Saúde de Arteixo