Besteiro: “Galicia terá hidroducto -corredor de hidróxeno verde- sí ou sí”

por Redacción Galicia

O candidato socialista á presidencia da Xunta censura “a ausencia de Rueda na defensa dos intereses de Galicia” e considera a infraestrutura “esencial para garantir o potencial enerxético de Galicia”

O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou hoxe que Galicia debe contar “si ou si” con hidroducto, unha infraestrutura “esencial para aproveitar o noso potencial enerxético”. “Que Galicia non conte cun hidroducto sería igual de ilóxico que excluír á  Rioxa dun potencial viñoducto”, afirmou Besteiro.

Ante a negativa da Comisión Europea a incluír entre os proxectos de interese comunitario o hidroducto Guitiriz-Zamora, o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta quixo deixar claro o seu compromiso con esta infraestrutura, xa que de non executarse “limitaría o aproveitamento do potencial enerxético de Galicia”.

Así llo trasladou esta mañá á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a cal lle transmitiu o compromiso do Goberno de España coa infraestrutura, que coincide co anuncio realizado polo operador do sistema, Enagás, de que está na súa planificación a construción do mesmo.

Para Besteiro, Galicia debe ter como prioridade “activar o seu papel de territorio enerxético en Europa, capaz de producir un combustible de futuro, que non emite CO2 e que contribúe á soberanía sostible enerxética do proxecto europeo, facilitando ao sector productivo galego unha enorme ferramenta de competitividade e ofrecendo á mocidade e á ciencia galega infinitas  oportunidades”.

Rueda, ausente na defensa dos intereses de Galicia

Besteiro criticou o papel de Alfonso Rueda por “estar ausente na defensa ante Europa desta infraestrutura”. “Quen denega o financiamento para esta infraestrutura é unha presidenta e unha comisaria europea do Partido Popular”, sostivo Besteiro, que censurou que “o presidente da Xunta non tivera a capacidade nin a visión de defender a Galicia nesta importante toma de decisión”.

“Este asunto é un claro exemplo de que Galicia merece un presidente con iniciativa propia e con capacidade para coller un avión en calquera momento e plantarse en calquera lugar do mundo para defender os intereses de Galicia”, concluíu José Ramón Gómez Besteiro.

Para o candidato socialista este é un exemplo máis de como o goberno popular da Xunta deixa pasar oportunidades únicas para Galicia condenando ao país a un retraso en desenvolvemento, oportunidades e innovación que garantan a seu despegue económico e afiancen a súa soberanía, enerxética neste caso, e un papel destacado no futuro do Estado.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario