PSOE de Beade. «O alcalde do PP aprobou no pleno municipal unha dedicación parcial de 1275 euros ao mes»

por Redacción Ourense

O PSdeG-PSOE de Beade afirma que o alcalde do Partido Popular, Fernando Taboada, sacou a careta no último pleno municipal para aprobarse unha dedicación parcial de 1275 euros ao mes e 14 pagas co único fin de arranxar a súa economía “persoal”. Os e as socialistas critican que o rexedor aproveitase o empate técnico entre membros da oposición e goberno para sacar adiante a súa dedicación co seu voto de calidade e non agardase a que o sucesor do falecido Senén Pousa tomase posesión da súa acta.

Dende o grupo municipal socialista esixíronlle ao rexedor que retirase o tema da orde do día, á espera de que Adán Formigo tomase posesión como concelleiro, pero tal e como relatan o alcalde “negouse en rotundo, amosando que xogaba coas cartas marcadas e que só buscaba poñerse un soldiño por exercer de rexedor”. Os e as socialistas afirman que a indignación entre a veciñanza de Beade “é total, tal e como quedou de manifesto entre o público presente na sesión plenaria”.

“A política hai que vir coa despensa chea e non podes pretender que a política che solucione os teus problemas domésticos”, afirma a voceira do PSdeG-PSOE en Beade, Carmen Rama Cotelo, que tamén apunta que “entendemos que é legal pórse un soldo, pero non é ético, e menos cando non figuraba nada disto no seu programa electoral”. Neste senso a edil socialista critica que nun concello que “non chega aos 400 habitantes e cunha poboación moi envellecida, non resulta ético poñerse esta dedicación con calzador”.

Rama Cotelo pon como exemplos os soldos dos funcionarios da administración pública afirmando que “ningún traballador do grupo A-2 ou ningún mestre que está realizando unha substitución cobra 1.000 euros limpos ao mes por traballar 4 horas”. A concelleira socialista considera “indecente” e “pouco” ético que Fernando Taboada vai cobrar 1275 euros brutos por traballar 4 horas como alcalde, cando segundo relata “ningún xubilado de Beade chega a esa cifra, nin tampouco ningún traballador por exercer as súas funcións durante 4 horas ó día”.

O PSdeG-PSOE de Beade pon de manifesto que “non estamos en contra de que os políticos cobren, pero cando traballan, xestionan e vese o traballo e a xestión ao fronte do concello, cousa que en Beade non pasa”. Neste senso apuntan que “tras case 6 meses co señor Taboada ao fronte da alcaldía, este non fixo absolutamente nada polo municipio, máis aló de levar a cabo proxectos xa aprobados polo anterior goberno municipal”.

“Temos un alcalde que parece dun grupo A-1 da administración pública, pero cunha retribución que a maioría da xente que forma parte deste grupo na administración non ten”, afirma Carmen Rama. A voceira socialista considera que esta dedicación “non procede nun concello como Beade” e denuncia que o alcalde do PP “vén á política a arranxar a súa economía persoal e familiar, cobrando un soldiño público co único obxectivo de encher os seus petos a costa da veciñanza”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario