Besteiro anuncia que rematará coa Galicia de dúas velocidades

por Redacción Vigo

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este xoves en Vigo que “rematará coa Galicia das dúas velocidades” cando chegue á Xunta e que o seu traballo traducirase en melloras inminentes para o tren na comunidade autónoma.

Besteiro e Abel Caballero ofreceron declaracións aos medios na explanada do Centro Comercial Vialia en Vigo, que no seu interior ten a estación intermodal, logo de manter unha reunión conxunta onde analizaron os desafíos da cidade de Vigo. O propio candidato dos socialistas á Xunta remarcou que “os intereses de Vigo son tamén os intereses de Galicia e eu estou disposto a defendelos onde sexa e con quen sexa” unha vez chegue á presidencia da Xunta.

Dende este lugar, destacou que nas últimas semanas mantivo reunións co presidente de Renfe e o propio ministro, nas que sinalou que ”tratamos esa nova década do ferrocarril e do tren en Galicia, novos traxectos, máis prazas de viaxeiros para o eixo atlántico e, en definitiva, toda a composición de como queda a rede de infraestruturas ferroviarias”.

Besteiro adiantou que este venres visitará Vigo o ministro de Transportes, Óscar Puente, con “boas novas en materia ferroviaria para Galicia”. Engadiu que os xornalistas poderán preguntar ao Ministro por “máis traxectos e máis prazas para este ano”. Eu son extraordinariamente positivo, creo que ese traballo durante estas semanas rendeu o seu froito e vai ser bo para o noso país”.

Lembrou o compromiso do goberno de España con 263M€ que se están a executar nas intermodais de Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña, para lograr “algo que os socialistas defendemos con moito fervor que é traballar por esa Galicia unida e non unha Galicia de dúas velocidade”, polo que remarcou que “a intermodalidade é fundamental na nosa visión”.

DEFENDER AOS GALEGOS DENTRO E FÓRA DO PAÍS

Besteiro reprochou ao goberno da Xunta que non estea presenta á hora de axudar ás empresas galegas “en situacións difíciles”, así como aos seus traballadores para evitar que se produzan EREs. Considera que “é evidente esa falta de impulso da Xunta de Galicia e é contrario ao que está facendo o goberno do Estado”.

“A Xunta nunca está presente ante eses problemas e cando hai algún problema a culpa sempre será doutro pero non da Xunta, engadiu un Besteiro que adiantou que “cando sexa presidente vou estar implicado nos problemas que teñan os galegos e as galegas en Galicia ou fóra de Galicia”, en referencia explícita ao que está sucedendo en Arxentina coa ameaza de restricións e aranceis para a frota pesqueira galega por parte do novo goberno de Milei.

Un Milei que, lembrou, “foi ferventemente apoiado por Rajoy e Feijóo, é o candidato deles e xa nos deu a primeira bofetada”. Besteiro entende que “hai que defender aos galegos con independencia de onde estean, se están en Galicia ou fóra”. Tamén sinalou que leva en contacto constante co ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, dende que estallou este problema e que ten constancia de que o goberno de España está seguindo a situación.

IMPLICACIÓN E APOIO A ANFACO

Ante as demandas de ANFACO sobre o PERTE Mar-Industria destacou que “o apoio e implicación do Goberno de España é total” e que botan en falta a presenza da Xunta, algo que demanda porque considera que “todos debemos empurrar en esa dirección” en interese do sectores produtivos galegos.  

A preguntas dos xornalistas sobre a estabilidade que defende Rueda, o candidato socialistas remarcou que a economía galega crece por debaixo da media española e que “o que precisa Galicia é un goberno dinámico, que apoie ás empresas e aos traballadores”, e non “a parálise dos últimos 14 anos do PP”.

Comparte éste artículo
1 Comment