O servizo de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) rexistrou no ano 2023 unha diminución no número de contratacións con respecto ao ano anterior nun 18%. Durante este ano, foron contratadas a través de COGAMI 1.542 persoas con discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual: 317 na oficina de A Coruña; 207 na de Ferrol; 231 en Santiago; 157 en Lugo; 226 en Ourense; 223 en Pontevedra e 181 persoas contratadas en Vigo.
Este descenso no número de insercións, en palabras da coordinadora de Emprego, Mari Carmen Ínsua, “é algo que vimos detectando durante todo o ano”. Dende a área de emprego apuntan que a reforma laboral pode estar relacionada no descenso de contratos”, segundo explica Ínsua “fanse moitos contratos fixos descontinuos que, no caso das persoas con discapacidade, é máis complexa a desvinculación coa empresa e que a seguinte poida percibir as axudas por contratación”.
COGAMI presta servizos de información, asesoramento, orientación, formación para o emprego, orientación e intermediación laboral dende o ano 1996, sendo centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, especializado en persoas con discapacidade física e orgánica, autorizado como axencia de colocación recoñecida co nº 1200000003. Conta cun equipo formado por preto de 50 profesionais de orientación e axentes de emprego nas sete cidades galegas, que tamén se despraza ao rural para atender as necesidades destas zonas.
Durante 2023, este equipo de profesionais realizou 7.431 entrevistas de orientación laboral para asesorar, orientar e trazar itinerarios laborais personalizados. De todas estas entrevistas, 1.128 foron con persoas que se incorporaron por primeira vez á base de datos do servizo, que actualmente contabiliza 17.380 persoas inscritas: 18% persoas inscritas en A Coruña; 12% en Ferrol; 15% en Santiago; 9% en Lugo; 12% en Ourense; 17% en Pontevedra e 17% persoas inscritas na base de datos en Vigo.
“O perfil maioritario da na nosa base de datos estaría contemplado por un 58% das persoas inscritas son homes, o 60% ten discapacidade física, un 53% ten unha media de idade entre os 41 e 55 anos e con estudos primarios básicos”, informa Ínsua.
O servizo de emprego de COGAMI precisa da colaboración e implicación do empresariado galego para poder lograr a inserción laboral do colectivo das persoas con discapacidade. É necesario facer labor de sensibilización co empresariado, para que impulse oportunidades laborais para persoas con discapacidade, para que sexan empresas comprometidas.
Durante este ano visitáronse 288 novas empresas que se incorporaron á rede de contactos do servizo e tamén se realizaron 4.390 seguimentos a outras empresas xa anteriormente contactadas. Destes contactos captáronse 917 ofertas de emprego.
“Aínda que se evolucionou moito na visión da discapacidade, queda moito camiño por avanzar”, indica Mari Carmen Ínsua. “Hai empresas concienciadas e sensibilizadas, colaboran con nós na xestión de candidaturas e finalmente contratan á persoa da nosa bolsa de emprego. Pero tamén moitas empresas que visitamos din que non lles encaixa unha persoa con discapacidade e isto é por descoñecemento e falta de sensibilidade”.
Nestas visitas ás empresas, tamén se dá a coñecer o apoio que se lles pode prestar nos seus procesos de selección de persoal con discapacidade, comunicar as axudas que existen para a adaptación dos postos de traballo e ofrecen asesoramento na cobertura da cota de reserva a aquelas que teñen máis de 50 persoas traballando. Das 1.542 persoas inseridas neste ano, o 63% foi a través da empresa ordinaria, e o 37% restante logrou a inserción a través dunha iniciativa de emprego protexido.