PSOE e BNG votan en contra de dedicar unha rúa en Lourenzá ao empresario Ángel Hermida Seivane

por Redacción Lugo

Os populares cren que se “contradín” tendo en conta que “foi nomeado Fillo Predilecto do Concello no 2008 co apoio unánime de tódolos grupos”

A proposta do Grupo Municipal Popular de Lourenzá de que o Concello dedique unha rúa ao recoñecido empresario D. Ángel Hermida Seivane foi rexeitada no pleno cos votos en contra do equipo de goberno do PSOE e o BNG. Os concelleiros populares subliñan a “contradición” de ambas formacións; xa que no 2008 votaron a favor do seu nomeamento como Fillo Predilecto do Concello de Lourenzá, que saíu adiante por unanimidade.

Este “cambio de opinión” tamén se deu entre os membros do propio goberno; xa que a alcaldesa dixo que non lle corresponde ao Concello asignar rúas a ninguén e, posteriormente, foi corrixida por un compañeiro do equipo de goberno que rectificaba dicindo que “non é que non se poida facer, é que non o consideramos oportuno”.

Os populares inciden en que “D. Ángel Hermida Seivane sería merecedor de dar nome a unha rúa debido á súa importante pegada no ámbito empresarial que contribuíu á transformación e desenvolvemento económico do noso concello”. Así, lembran que “co seu esforzo conseguiu que a súa empresa e Lourenzá tiveran un lugar destacado na provincia”. De feito, chegou a crear 200 empregos na zona.

O PP laurentino ten claro que “o seu nome debería figurar nalgunha das rúas de Lourenzá, sen prexuízo de outorgar este mesmo recoñecemento a algún outro veciño do noso concello”. É máis, “oxalá pronto o Concello teña que conceder o título de Fillo Predilecto a algún laurentino ou laurentina”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario