«A esencia desta institución non é só formar músicos, senón tamén persoas», dixo a alcaldesa
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, interveu esta tarde na gala polo 25 aniversario da Escola Municipal de Música, realizada no Teatro Colón. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro. Á gala asistiron o alumnado, equipo docente e persoal da Escola, así como exalumnos e exalumnas e representantes das entidades musicais da cidade.
«A esencia desta Escola non é só formar ao seu alumnado musicalmente, senón que tamén forma persoas, e destaca pola boa convivencia que se respira aquí desde a súa fundación, cun clima de respecto e tolerancia que fai que o seu funcionamento sexa exemplar», indicou Inés Rey durante o seu discurso. A rexedora, acompañada no escenario pola directora do centro, Elena Umbría, entregoulle un agasallo especial a José Antonio Acuña, antigo director e grande impulsor da institución formativa.
«Estou segura de que os seguintes 25 anos serán igual de proveitosos para esta Escola e a cidadanía poderá seguir gozando das súas actuacións nos numerosos eventos que acolle a nosa cidade», sinalou a alcaldesa. A Escola Municipal de Música naceu o 22 de novembro de 1998 e polas súas aulas pasaron máis de 10.000 alumnos e alumnas. Na actualidade conta con máis de 600 persoas matriculadas nas distintas disciplinas do seu plan de estudos.