Diana Cabanas, concelleira de Turismo, destacou o impulso do Goberno de Inés Rey a prol da inclusión cultural
A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, presentou esta mañá a programación do festival DiversidArte 2024, que se celebrará desde hoxe e ata o 15 de xuño en distintos barrios da cidade. A edil estivo acompañado no acto celebrado en María Pita por Cristina de la Puente, directora da asociación Poten100mos, e Avia Veira, deputada provincial. Ademais, houbo unha pequena actuación artística de freestyle inclusivo de Gallos del Norte.
“O Goberno de Inés Rey está plenamente comprometido coa inclusión, como xa demostrou estes anos en diferentes áreas, entre elas a cultural, con eventos da importancia deste”, sinalou Diana Cabanas. Desde o 2016, este festival apoiou a máis de 700 artistas en situación de vulnerabilidade, estendendo o seu impacto por toda Galicia.
O programa deste ano comezará o venres 7 de xuño pola tarde cun flashmob pola diversidade na Marina. Esta coreografía realizarase en colaboración coas escolas de danza da cidade e reunirá a centos de persoas de diferentes colectivos e entidades sociais da Coruña.
O Bus DiversidArte levará a festa e o espírito do festival a distintos barrios da cidade o venres 14 e o sábado 15 de xuño, ofrecendo unha variedade de actuacións que inclúen contacontos, música, cabaret, danza africana, danza acrobática e freestyle. O venres 14 de xuño, o Bus DiversidArte achegarase ao Colexio de San Pedro de Visma para levar ao alumnado a súa alegría e mensaxe inclusivo coa actuación de Silvia Penide e a xa coñecida Banda Percusión DiversidArte, formada por músicos con diversidade funcional intelectual.
Á tarde continuará na Praza da Leña cunha actuación de freestyle (rap) a cargo de Gallos del Norte e unha performance de danza acrobática por Volta e Media (Fundación Igualarte). O sábado 14, o Bus DiversidArte chegará á Praza do Humor para un concerto especial do terceto de corda Kreze, seguido dun espectáculo de música e danza africana por Danzalia- Mundi. A tarde culminará na Praza das Conchiñas cun monólogo musical de MEIGA-i e un espectáculo de cabaret con Edu Domínguez, Carolin Sanders e Nico Elsker, nunha noite de humor e reflexión sobre a diversidade e as relacións humanas.
VII Concurso de Curtas Sociais DiversimaCine
O concurso DiversimaCine na súa sétima edición, recoñecido internacionalmente, proxectará dentro do Festival, os mellores curtos documentais e de ficción social na Filmoteca de Galicia (CGAI) os días 12 e 13 de xuño. Con máis de 800 obras de case 80 países cada ano, o concurso ofrece unha plataforma para visibilizar importantes temas sociais, outorgando premios en metálico aos gañadores.
Compromiso coa Accesibilidade
O festival garantirá a accesibilidade a todos os eventos, ofrecendo acompañamentos (previa cita chamando ao 625 126 235), interpretación en lingua de signos, mochilas vibratorias para persoas xordas, lectura fácil para persoas con diversidade funcional intelectual, códigos QR para persoas cegas e espazos accesibles para persoas con mobilidade reducida.