Trátase de «recuperar unha parte da nosa historia económica coa explotación mineira, así como orientar ese pasado para o seu aproveitamento turístico a través da creación de diversas rutas que redescubran aos visitantes esa realidade que queremos poñer en valor», explicou Luis Menor
A Deputación de Ourense colaborará co Concello de Gomesende na posta en marcha dun proxecto centrado na recuperación da memoria da minería heroica da zona. Así o informou o presidente provincial, Luis Menor, tralo encontro que mantivo no Pazo Provincial co director da área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez; coa alcaldesa e co concelleiro de Cultura de Gomesende, Pura Rodríguez e Camilo Alonso; e co presidente e secretario da Fundación polo Cinema Galego, Ignacio Vilar e Dosio Álvarez; e a directora de fotografía, Pilar Silva.
Este proxecto cultural pretende recuperar a memoria da minería heroica que se inicia en 1875 ata 1970 nos concellos de Gomesende, Ramirás e Cartelle e na que participaron ata 1.500 veciños e veciñas sacando estaño e converténdoa nunha das riquezas máis grandes de estaño nese momento de Europa.
A posta en valor desta historia materializarase a través dunha película documental titulada «As minas de Seixoval: a minería heroica» e dunha exposición de fotografía na que Pilar Silva fotografía a toda a veciñanza do presente que traballou nesas minas, xunto coas fotos dos devanceiros, e que «xuntos crearon esta historia para recuperar así a memoria colectiva do pasado e presente», explicou Ignacio Vilar.
Recuperar a nosa historia
A Deputación colaborará con esta iniciativa que pretende recuperar «unha parte da nosa historia económica coa explotación mineira e a memoria que persiste nas persoas que traballaron nesa explotación, así como orientar esta historia para o seu aproveitamento turístico a través da creación de diversas rutas que redescubran aos visitantes esta realidade que queremos poñer en valor», explicou Luis Menor.
Pola súa parte, Camilo Alonso, que agradeceu a colaboración da Deputación, explicou que este proxecto «naceu fai un ano para poñer en valor a importancia que tivo a minería de Seixoval para a zona ao ser unha das principais fontes de ingresos durante máis de 50 anos».
Ademais, do documental, o concelleiro de Cultura sinala que o obxectivo é rehabilitar zonas de sendeirismo e facer un punto turístico na zona do Val que conecte coas rutas que xa temos para poder dinamizar e poñer en valor o noso territorio».