A provincia da Coruña lidera as emisións galegas de gases de invernadoiro 

por Redacción Galicia

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe «As emisións provinciais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2022)», baseado no máis recente inventario oficial de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica. É a primeira vez que se divulgan en Galicia estes datos a escala provincial. O informe analiza a súa evolución para cada provincia.

A provincia da Coruña concentra o 51,7% das emisións brutas (1) de gases causantes de cambio climático en Galicia, o que non só ten que ver co seu peso na poboación e no PIB galegos, senón tamén co feito de se situaren no seu territorio as principais industrias enerxéticas fósiles: a refinaría de petróleo da Coruña e as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As  Pontes. Séguea Lugo co 20,9%, polo que practicamente as tres cuartas partes das emisións territoriais galegas orixínanse no norte do país.

As emisións de gases de invernadoiro de Galicia reducíronse o 33% en 2022 con respecto a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas. Esta baixada sustentouse na diminución á metade das emisións na provincia da Coruña, debida sobre todo á substitución do carbón na produción eléctrica. Pola contra, as emisións medraron  de forma importante en Ourense (12,5%) e en Pontevedra (16,5%). En Lugo tamén se recortaron (-10,3%), mais foi pola parada temporal da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao.

O transporte é o único sector onde subiron as emisións en todas as provincias entre 1990 e 2022, o que case aconteceu tamén no caso das emisións de orixe non fósil  da agricultura e a gandaría, onde só en Ourense non aumentaron, senón que se estabilizaron. As emisións asociadas ao uso total de enerxía fósil nos sectores comercial/institucional, residencial e primario medraron  en todas as provincias, agás en Pontevedra, debido á menor achega do sector primario.  Canto ás emisións industriais e do tratamento de residuos descenderon de forma xeralizada.

Entre 2021 e 2022 as emisións de GEI de Galicia aumentaron o 2,5%. A diferenza do acontecido no período 1990-2022, foi a provincia da Coruña a que impulsou este incremento interanual, ao subiren as súas emisións o 12,2%. A causa principal foi a maior actividade tanto da refinaría de petróleo como das centrais eléctricas de gas fósil, nun contexto de estancamento da transición enerxética e de seca.

Existen grandes desigualdades provinciais nas emisións per cápita. As máis elevadas son as de Lugo (12,6 t/hab), moi superiores á media galega (7,2 t/hab), o que se explica polas súas producións gandeira e de alúmina e aluminio. No extremo contrario colócase Pontevedra, con só 4 t/hab, sen apenas produción enerxética fósil, con emisións industriais e gandeiras relativamente baixas e que importa a maior parte da electricidade que consome.

A descarbonización do transporte, mediante a restricción do uso do vehículo privado, a mellora da oferta do tren e o autobús e electrificación baseada en electricidade renovábel,  é a acción climática máis prioritaria común ás catro provincias galegas. Na Coruña salienta tamén a necesidade de acelerar o fin do sector enerxético fósil, mentres que na provincia de Lugo cobra especial relevancia o impulso da transición agroecolóxica.

Nota

1. Denomínanse emisións brutas porque non se inclúen as emisións/absorcións derivadas do uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura.

Foto portada. Fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa San Cibrao é o maior foco emisor de CO2 de Lugo e un dos maiores de Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario