O cinema de autor con crítica social protagoniza mañá un novo coloquio no FICBUEU

Alejandro Cabrera, director da curta documental sobre a despoboación en España «El Soldao», e o sueco Kacper Checinski, realizador do drama sobre o desemprego «Avec l’humanité qui convient», manterán un encontro co público tras o pase dos seus filmes, que compiten na «Sección Oficial»

O espazo «Coloquios con cineastas» que organiza a diario ata o vindeiro sábado o Festival Internacional de Cinema de Bueu reunirá mañá martes a dous directores de senllas curtametraxes seleccionadas na «Sección Oficial» do certame.  

Son Alejandro Cabrera (Barcelona, 1989), director de El Soldao, un filme documental moi persoal sobre a España despoboada, e o realizador sueco afincado en Francia Kacper Checinski, creador de Avec l’humanité qui convient, un drama escuro sobre o sufrimento polo desemprego. Falarán co público do FICBUEU sobre as súas películas e os seus procesos creativos. O encontro cos espectadores terá lugar na Sala Amalia Domínguez Búa, ás 20.30 horas, entre as dúas sesións de proxección das curtas.

Cabrera constrúe na curta documental El Soldao un retrato do seu pai, Francisco, andaluz emigrado, que volve ao seu pobo natal en Córdoba. O cineasta percorre coa súa cámara aqueles espazos da terra natal de Francisco que hai anos tiveron vida. Agora, lugares coma a casa ou o bar son  case fantasmagóricos. El Soldao, premiada no ZINEBI de Bilbao, é unha historia íntima na que se indaga no despoboamento do rural e na construción da memoria dende unha mirada, á fin, esperanzadora.

Pola súa banda, Checinski, seguidor do cinema de Michael Haneke e autor de películas caracterizadas por representar os defectos e debilidades humanas cun estilo austero e sobrio, aproxímase á Francia en crise nunha curta dura e conmovedora ambientada nunha oficina de emprego e cuxa subdirectora recibe un correo electrónico avisándoa de que unha muller en paro desesperada ameaza con quitarse a vida. Premiada en Clermont-Ferrand, Avec l’humanité qui convient (Coa humanidade que cabe, en español, título con gran carga de ironía) é unha película que deixa ao espectador cun nó na garganta.

Unha curta libanesa e unha obra de animación realista

O segundo bloque de curtametraxes que se proxectarán mañá no FICBUEU complétano outras dúas cintas. Unha é a premiada co-produción franco libanesa Et se lle soleil plongeait dans l’océan deas nues (E se o sol se mergullase no océano de nubes), de Wissam Charaf (Beirut, 1973).

Rodada en árabe, conta a historia dun garda de seguridade nunha obra en construción fronte ao mar que ten que impedir que os paseantes accedan á beira e que empeza a coñecer a persoas insólitas. O segundo filme é de animación e foi nomeado en Berlín e Annecy. Preoperational Model, de Philip Ullman, un realizador sueco que vive e traballa en Ámsterdam, explora as formas de tomar conciencia do mundo e as súas estruturas de poder a través da historia, entre aterradora e entrañable, de dous seres antropomórficos, unha princesa e unha criada.

Comparte éste artículo
No hay comentarios