Trátase de Ezequiel Toro, do IES San Clemente de Santiago; María Bazar, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña, e de Laura Pereira, do CIFP Manuel Antonio de Vigo
Tres estudantes da FP galega participan estes días en Lyon (Francia) no campionato Worldskills 2024, as olimpíadas internacionais da Formación Profesional. Estes mozos, que representan a Galicia no certame, están acompañados pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez. “Están demostrando que a nosa FP é un modelo con gran potencial”, sinala a representante da Xunta de Galicia, quen remarca “o orgullo que supón para o noso ensino que teñan chegado ata aquí”.
Ezequiel Soto, do Instituto IES San Clemente de Santiago, compite na modalidade de Desenvolvemento web; María Bazar, do Centro Integrado de FP CIFP Paseo das Pontes da Coruña, en Panadaría, e Laura Pereira, do Centro Integrado de FP CIFP Manuel Antonio de Vigo, faino en Recepción hoteleira. Eles tres, acompañados por profesores e representantes da Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades, están a demostrar neste campionato internacional a calidade da Formación Profesional galega.
Representación de 70 países
A cidade francesa acolle a 47ª edición dos Worldskills, que arrincou o 10 de setembro e que se prolongará ata este domingo, 15 de setembro. Centrada na sustentabilidade, esta edición conta con 59 modalidades de competición e tres exhibicións nas que participarán máis de 1.400 competidores e 1.300 expertos representando a 70 países e rexións.
Galicia participa activamente desde o ano 2007 nas distintas edicións das competicións nacionais e internacionais de Formación Profesional, Spainskills, Worldskills e Euroskills. Ademais, desde o ano 2012 organízase o campionato autonómico, Galiciaskills.