A curta “Il compleanno di Enrico” acada o primeiro premio do FICBUEU e “Habitar”, o de mellor curta galega

por Redacción Galicia

O filme estoniano «Saab» obtén o Segundo Premio e «Aunqe es de noche», do realizador madrileño Guillermo García López, leva o galardón a mellor cinta española

Il compleanno di Enrico (O aniversario de Enrico), unha co-produción de Alemaña, Francia e Italia dirixida por Franceso Sossai, é a curtametraxe gañadora da «Sección Oficial» da 17ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu. De entre as 29 películas a concurso, chegadas de 18 países, o xurado –composto pola serbia Tara Karajica, programadora de cinema e xornalista, a finlandesa Riina Mikkonen, tamén programadora e directora do Festival de Cinema de Tampere, e o realizador e guionista español Chema García Ibarra– concedeu a esta cinta o Primeiro Premio FICBUEU, dotado con 2.000 euros.

O xurado distinguiuna pola súa capacidade de ver a través dos ollos do seu protagonista, un neno que vai á festa de aniversario doutro nunha vella casa no campo, «a vea rebelde dunha avoa nos albores do novo milenio». «O director –engadiron– márcanos habilmente a lectura entre liñas, como cando eramos nenos e deixábannos encher os ocos a nós mesmos, á vez que xoga axilmente coas esperanzas». O galardón entregouno o alcalde de Bueu, Félix Juncal. Sossai, que non puido estar presente na cerimonia, enviou un vídeo de agradecemento ao festival.

A película estoniana Saab, da directora Liisbeth Kala, unha curta que investiga a estética do aburrimento e do silencio dentro dun coche no que viaxan varias persoas, mereceu o Segundo Premio FICBUEU por «convidar o espectador a ser un pasaxeiro máis e mergullarnos nunha viaxe misteriosa e poética». Kala non puido recoller en persoa o galardón do Festival (dotado con 1.000 euros), pero si o fixo unha das actrices do filme, Maria Valk. Encargouse de entregarllo Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra.

Historias de amigos e de corpos

O xurado oficial do FICBUEU 2024 premiou dous filmes máis. Un é Aunque es de noche, obra de Guillermo García López, quen conseguiu o premio á mellor curtametraxe española coa historia de Toni, un rapaz de 13 anos que vive no poboado chabolista da Cañada, en Madrid, e que descobre que o seu mellor amigo Nasser márchase para sempre e busca seguir conectado a el. O xurado destacou esta cinta, gañadora do Goya este ano, «polo modo en que o director converte aos seus protagonistas en actores activos e conscientes, nun sutil esforzo por reacondicionar os nosos filtros».

A outra película galardoada é Habitar, da realizadora marinense Anxos Fazáns, que levou o premio á mellor curta galega polo seu documental sobre a construción da identidade a través do retrato de persoas transxénero e non binarias de Galicia. A súa mirada aos corpos «con tenrura» e a súa capacidade para «conseguir capturar algo tan esquivo como é a intimidade» convenceron aos membros do xurado. Recolleu o seu galardón de mans de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Premios para a vangarda e a canteira de cineastas

Manuel Pena e María Ruiz, directores do FICBUEU xunto a Nerea Lores, anunciaron as curtas premiados nas categorías «GZ_00»«Descubertas»«Escolas de Cinema Internacionais» e «Escolas de Cinema Galegas», valoradas por outro xurado integrado por tres expertos en cinema e cultura como Daniela Urzola, Elisa Pereira e Xan Gómez Viñas.

pechar caixas, abrir caixas, do realizador redondelano Hugo Amoedo, fíxose co galardón na primeira das seccións, creada para mostrar o traballo que está a facer a nova xeración de cineastas en Galicia. Amoedo resultou gañador cunha película que descobre «unha maneira diferente e interesante de falar da emigración» mostrando «todo tipo de sentimentos mediante diarios filmados, onde o drama e a comedia teñen cabida xuntas».

En «Descubertas», que reúne a creación cinematográfica máis innovadora a nivel mundial, a curta vencedora nesta edición do festival é Intelligence, dos franceses Cosme Castro e Jeanne Frenkel. O xurado valorou a súa «orixinal mestura de linguaxes visuais e a súa enxeñosa narración distópica, que reflexiona sobre as pantasmas, pasadas e futuras, da sociedade contemporánea».

En «Escolas de Cinema Internacionais», sección que recolle algúns dos traballos máis destacados que se fan en centros de cinema de todo o mundo, a gañadora foi a película francesa La voix deas autres, de Fatima Kaci. Destacou «polo seu estilo directo e conciso para mostrar a violencia institucional e o trato deshumanizado cara ás persoas refuxiadas», ademais de por «o excelente traballo de contención expresiva da súa actriz, Amira Chebli». Xogo de nenos, de Miguel R. Berride, da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, levou o galardón á mellor curta de «Escolas de Cinema Galegas». O xurado distinguiuno pola súa factura técnica, tanto na posta en escena como na montaxe, «e polo seu sorprendente xiro final».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario