A presidencia da Asociación Española Contra o Cancro en Galicia traslada os obxectivos  estratéxicos ao conselleiro Gómez Caamaño

por Redacción Galicia

O encontro tivo lugar en Santiago de Compostela entre o Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia e o seu equipo coa presidencia das Xuntas Provincias da Asociación Española Contra o Cancro en Galicia.

Asociación Española Contra o Cancro de Galicia reuniuse co Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, e o seu equipo para sumar esforzos nas liñas prioritarias na loita contra o cancro e incrementar o coñecemento sobre o maior problema sociosanitario como é o cancro. Galicia encóntrase entre as comunidades autónomas con maior incidencia de España, con 19.171 novos casos o pasado ano.

Germán Rodríguez- Sáa, representante autonómico da Asociación Española Contra o Cancro en Galicia e presidente da Xunta Provincial en Ourense; Manuel Aguilar, presidente na Coruña; María Luz Abella, presidenta en Lugo; Ana García, presidenta en Pontevedra; e Gema García-Abril, xerente na Coruña, mantiveron un encontro co Conselleiro de Sanidade, e parte do seu equipo formado pora Directora Xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o Director Xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo José Silva; e o Xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada.

Na reunión puxéronse en común as principais necesidades en cancro en Galicia que a Asociación quixo trasladar á Consellería, para fomentar o traballo conxunto 

A Asociación, como entidade influente no ámbito social, destacou que a súa liña principal é o reto 70% de supervivencia, onde busca fomentar a prevención en cancro, impulsando a construción de contornas saudables para protexer á xuventude dos efectos nocivos do tabaquismo, incluíndo non soamente o tabaco tradicional senón tamén as novas formas de consumos como son os cigarrillos electrónicos ou vapeadores. O tabaco é causante do 30% dos casos de cancro,  e o obxectivo é acadar a primeira xeración libre de fume de tabaco en 2030, así como fomentar a participación da xuventude no Proxecto Zero, promovido pola Asociación e que proporciona ferramentas de pensamento crítico e liderazgo social frente ao tabaquismo aos mozos e mozas. Outro dos temas claves foron a necesidade de incrementar a supervivencia ao cancro, impulsando a participación nos programas de cribado de cancro colorrectal da poboación galega convidada a facer a proba, xa que este tipo de cancro é o segundo con maior índice de mortalidade e un dos máis diagnosticados na comunicade autónoma galega.Para acadar todas estas metas, a Asociación Española Contra o Cancro en Galicia ofreceu á Consellería de Sanidade todo o apoio e recursos ao seu alcance que poidan ser necesarios. 

A Asociación, 70 anos de experiencia na loita contra o cancro

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar ao lado das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se llelo diagnostican; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa fundación científica, a Asociación aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 104 millóns de euros en 565 proxectos, nos que participan máis de 1000 investigadores. 

A asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar e acompañar as persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 sedes provinciais, e presente en máis de 2000 localidades españolas, conta con case 30.000 persoas voluntarias, máis de 500.000 socios e 1007 profesionais.  

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario