Patricia Iglesias critica a “deficiente técnica lexislativa” dunha norma que constitúe “un despropósito normativo” e a “compulsiva sucesión de eufemismos imperdoables”, e reclama unha lexislación “ambiciosa, ordenada e sensata” aberta á participación pública
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, criticou hoxe que a Lei de Recursos Naturais de Galicia constitúe “unha gran oportunidade perdida” que “chega tarde, mal e arrastro”. Iglesias interveu no debate en Comisión do proxecto de Lei, que quedou visto para o debate final en Pleno cos votos do PP en solitario, que só aceptou dúas emendas técnicas das 34 presentadas polos socialistas galegos ao texto.
A responsable socialista criticou os erros de forma e de fondo dunha norma que continúa o trámite parlamentario como “un despropósito normativo, un sinsentido de técnica lexislativa e unha compulsiva sucesión de eufemismos imperdoables”. Advertiu que “o único bo desta Lei é o título”, mentres o resto amosa unha “deficiente técnica lexislativa”, adoece de falla de participación pública e pecha a porta ás aportacións dos concellos..
Ademais, amosa unha perigosa “falla de planificación e ordenación das zonas, aptas e non aptas, con criterios de sustentabilidade ambiental” e carece dunha avaliación rigorosa dos efectos medioambientais e socioeconómicos dos proxectos. A norma ampara a xénese “totalmente opaca” da sociedade Recursos de Galicia despois de que fora constituída, provoca unha regulación “deficiente e pouco ambiciosa” das comunidades enerxéticas de autoconsumo.
Patricia Iglesias explicou que a norma fracasa na regulación das explotacións mineiras, xa que amosa unha “ausencia absoluta de planificación na posta en marcha de proxectos mineiros con criterios de sustentabilidade ambiental”. Iglesias lamentou que o PP e o goberno galego teñan renunciado a crear unha lexislación ambiciosa, ordenada e sensata, persistindo nun modelo de transición enerxética caracterizado pola “inacción e a falla de ambición renovable”.
Enerxía eólica
Criticou que o goberno galego continúe enrocado en “botar balóns fora” e evitando asumir a súa responsabilidade de dotar de seguridade xurídica a un sector, o eólico, que teñen “sumido no caos e a parálise” pola súa xestión deficiente. Cualificou neste sentido de “vergoñenta” a recente viaxe da conselleira de Medio Ambiente a Bruxelas, que o único que fixo foi dar un novo paso na súa “política de confrontación, oportunista e partidista e un pouco casposa”.
Ironizou con que a conselleira anunciara unha viaxe a Bruxelas para buscar solucións á parálise da enerxía eólica en Galicia diante do Tribunal Superior de Xustiza da UE que en realidade ten a súa sede en Luxemburgo. Criticou que a súa xestión “non é seria, é opaca e cero transparente”, buscando o enfrontamento co goberno do Estado que “sempre lle tendeu a man a Galicia para colaborar” dende o Ministerio de Teresa Ribera.