Os populares explican que “o estado do firme en torno ao p.k.60 no límite entre Meira e A Pastoriza é realmente deficiente”.
“O Goberno de Sánchez demostra un profundo descoñecemento da realidade da nosa provincia” cando asegura en resposta oficial aos senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano que a estrada N-640 se encontra en correctas condicións.
Actualmente, o pavimento desta estrada no tramo en torno ao p.k. 60 no límite entre os municipios de Meira e A Pastoriza atópase moi deteriorado. “O seu estado é realmente deficiente”, subliñan os populares, “como poden comprobar os seus usuarios”. É por iso polo que piden unha mellora para garantir a seguridade na vía.
Os senadores do PP inciden en que “Sánchez desconecta a provincia en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias”. De feito, lembran que “sen as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián, Lugo non disporá de AVE”, que a A-6 continúa sen recuperar a normalidade e que as estradas nacionais, como a N-640, se atopan en mal estado.
Esta situación afecta non só á competitividade da provincia, senón ao desenvolvemento diario das actividades dos lucenses – calquera veciño, traballador, autónomo, transportista, etc.- que empregan estas vías de titularidade estatal para os seus desprazamentos habituais.
No caso da N-640, como o propio Goberno asegura, capta fundamentalmente tráfico de corto e medio percorrido. Os populares explican que “é a principal arteria de comunicación para os municipios da comarca de Meira e principal conexión con Lugo e Asturias”. Nese sentido, trátase tamén dunha das vías de comunicación máis empregadas para os desprazamentos dende a cidade de Lugo á Mariña oriental.