A medida tomouse para evitar os puntos máis expostos ao vento. Manteranse os mesmos horarios previstos inicialmente.
A Cabalgata de Reis prevista este domingo 5 na Coruña variará moi lixeiramente o seu percorrido inicial, que ao seu paso polo barrio de Catro Camiños discorrerá finalmente pola avenida Fernández Latorre en troques da rúa Ramón y Cajal. O resto do traxecto, con saída desde a rolda Camilo José Cela, en Monelos, e chegada a María Pita, manterase.
Esta medida «tómase co obxectivo de reforzar a seguridade da cidadanía en base ás condicións meteorolóxicas previstas esta fin de semana e, concretamente, o domingo», expuxo o concelleiro Gonzalo Castro. O motivo para este cambio no percorrido inicial é o de evitar as zonas máis expostas ao vento.
O Concello sigue pendente da evolución meteorolóxica nas próximas horas, mais cos datos dispoñibles a Cabalgata manterase o día 5 cos horarios previstos e cumprindo con todos os requisitos de seguridade que segundo os criterios dos técnicos fan viable o evento.
A saída, este domingo ás 18.00 horas desde a rolda Camilo José Cela, en Monelos
A comitiva partirá este domingo 5 desde o barrio de Monelos. Concretamente desde a rolda de Camilo José Cela, como xa fixo na última edición, ás 18.00 horas.
O percorrido discorrerá pola avenida de Monelos e irá cara Alcalde Pérez Ardá e, xa a continuación, pola avenida Fernández Latorre e a Costa da Palloza, saíndo cara Linares Rivas e a praza de Ourense para emprender a marcha final polos Cantóns e a Marina, rematando como sempre na praza de María Pita, onde os reis saudarán aos nenos e nenas desde o balcón do Palacio Municipal.
Este ano a Cabalgata de Reis contará con 13 carrozas, seis municipais e sete de patrocinadores, seis trens e 18 espectáculos escénicos e de animación. Volverá a haber un tren solidario e participará a Fundación ENKI e un camión de bombeiros. A temática invernal, con fadas, animais, bonecos de luz e cor, acróbatas, seres máxicos e demais personaxes fantásticas que acompañarán a Melchor, Gaspar e Baltasar.
Ademais, as e os figurantes que participarán este ano irán vestidos cunha indumentaria inspirada no ceo e nas estrelas, unha homenaxe polo 40 aniversario da apertura da Casa das Ciencias e o seu planetario, que se celebrará neste ano 2025.
Catro espazos específicos para persoas con mobilidade reducida
No contexto da Cabalgata de Reis, o Concello habilitará catro espazos diferenciados para facilitar o seguimento da comitiva ás persoas con mobilidade reducida.
Haberá superficies PMR nos seguintes puntos:
- Esquina de confluencia entre as rúas Alcalde Pérez Ardá e Ramón y Cajal, fronte á estación de bus.
- Praza de Ourense,
- Avenida da Marina, diante da sede da Autoridade Portuaria.
- Lateral da praza de María Pita, preto da rúa Troncoso.