Besteiro lanza a súa candidatura á secretaría xeral para poñer ao PSdeG «rumbo á Xunta de Galicia»

José Ramón Gómez Besteiro formalizou hoxe a súa precandidatura á secretaría xeral do PSdeG co obxectivo de poñer ao Partido Socialista «rumbo á Xunta de Galicia». Nun acto na Alameda de Santiago, cidade que representa, dixo, un cruce de camiños símbolo da capacidade de unir «historias, voces e soños para construír un futuro compartido», asegurou que enfronta o proceso de primarias «con ganas e con responsabilidade».

Besteiro valorou que será a militancia a que decida o futuro do partido. «Un militante, un voto», subliñou como mostra da democracia interna da única organización política na que afiliados e afiliadas elixen secretario ou secretaria xeral directamente, «e en urna», destacou. Ese liderado do Partido Socialista «en participación e transparecia» é motivo para estar «orgulloso», asegurou.

Na súa intervención, durante a que estivo acompañado de simpatizantes e militantes, afirmou que concorre ao proceso de elección de líder socialista en Galicia «para construír un partido unido e un proxecto gañador». Defendeu tamén que o PSdeG é «o partido das persoas, da Galicia real», e o que loita «contra as desigualdades».

«Quero construír un proxecto desde as bases e coas bases, desde a raíz», adiantou, e comprometeuse a traballar para que o PSdeG «recupere o protagonismo» e sexa a alternativa de esquerdas en Galicia, «que é o lugar que lle corresponde».

José Ramón Gómez Besteiro compareceu publicamente despois de entregar esta mañá na sede nacional do PSdeG a documentación coa que oficializa a súa precandidatura para renovar no seu cargo como secretario xeral. Á conclusión do acto repartiu rosas vermellas entre as persoas que se atopaban na Alameda compostelana, acompañado de simpatizantes e militantes socialistas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios