O PP de Lugo pregunta a PSOE e BNG por que negan o acceso ao expediente da compra do Castelo de Doiras

Antonio Ameijide explica que dentro deste expediente debe de figurar a acta de recepción e a escritura de compra venda do Castelo “xa que o propio Concello de Cervantes ten a obriga de aportala á Deputación”.

Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular pediron, o pasado 17 de xaneiro, acceso e copia ao expediente relativo á conta aportada polo Concello de Cervantes, por importe de 225.000€, para a xustificación dos gastos, da anualidade do 2023, enmarcados no convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación de Lugo e o propio Concellopara o financiamento da adquisición do Castelo-Fortaleza no lugar de Doiras.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, recorda que “pasou máis dun ano” dende que se asinou este convenio e non se fixo nada xa que o Castelo segue pechado a todos os lucenses e non podemos nin sequera comprobar o seu estado”.

Ameijide explica que dentro deste expediente debe figurar a acta de recepción e escritura de compra venta do Castelo, xa que o propio Concello de Cervantes debe aportala á Deputación de Lugo.

A realidade é que pasou xa case un mes dende que se realizou a solicitude e nin PSOE nin BNG autorizaron o acceso no prazo de cinco días que marca a lei “continuando coa súa habitual falta de transparencia, poñendo trabas constantes ao traballo do Grupo Provincial Popular”.

Cómpre recordar que a adquisición deste Castelo foi polémica xa que o goberno provincial, liderado por José Tomé, “deu un beneficio de case 700.000€ a unha fundación controlada por un cargo do PSOE, xa que nada fixeron por abrir este castelo ao público”.

Antonio Ameijide apunta que “non estamos en contra” de recuperar inmobles e dotacións históricas para que todos os lucenses e os turistas que nos visitan poidan coñecelas, pero neste caso queda claro que “o único que lles importaba era dar un pelotazo inmobiliario perfecto porque foron capaces de xestar esta operación inmobiliaria para beneficiar a membros dun partido político e deixar polo camiño un beneficio neto de 690.000 euros en tan só cinco semanas”.

A realidade é que a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes aínda non fixeron nada por recuperar o castelo de Doiras e abrilo ao público a pesar de que comprometeron 1M€ para poñer en valor este inmoble.

Comparte éste artículo
No hay comentarios