A partir do venres 21 de marzo ás 18h00, na residencia de maiores Bouco (antiga Orpea) todo Lugo poderá reencontrarse coa obra da pintora riosellana Elena Pendás nunha exposición comisariada polo escritor e crítico de arte Manuel Álvarez Prieto. A inauguración será no salón de actos, e todo o mundo é convidado a achegarse.
Elena Pendás é unha profesora da Escola de Arte Ramón Falcón, cunha longa traxectoria no Pop Art, que tivo o seu gran momento nos primeiros anos do século XXI. Manuel Álvarez Prieto é un escritor, crítico de arte, estudoso da historia e a socioloxía da arte, e xurado Internacional da Primeira Trienal Latina de 1992.
Reunidos no 2006, Elena e Manuel proxectaron e logo realizaron unha xira expositiva en toda a Cornisa Cantábrica, de Galicia a Euskadi, que foi seguida por todos os medios de maneira notable, coincidindo no valor do Pop Expresionista xunto ao modernismo da “jugendstil” que identificou toda a obra de Elena. E o máis excepcional foi a exposición no Gran Hotel María Cristina de San Sebastián, con toda a prensa e televisión enxalzando a mostra.
Era a novidade dunha muller que se atrevía a referenciarse cos grandes popes Roy Lichtenstein e Tom Wesselmann, marcando diferencias con eles ao amosar á muller do século XXI en plena independencia e en oposición á dos anos 50-60 que eles presentaban, máis obxectual e dócil. Atrevemento e provocación marcando territorio.
E é esa etapa creativa de Elena a que agora retorna a Lugo buscando un encontro con todas as regras clásicas do Pop de sempre, e o das cores vivas e intensas, planos, de liñas marcadas, de provocación, con humor e fácil comunicación. “O romance entre o Pop e a Belle Époque” é un racconto plástico entre divertido e vital.
Manuel considera que Elena debe retornar á creación activa, e é tamén a opinión de recoñecidos ex-alumnos seus. Pensan que a súa capacidade e experiencia pode dar outra xiro ao Pop Art do XXI.