A investigadora da UDC, Gemma Rojo, galardoada co “Premio ANCI 2024 a Tesis Doctorales”

A súa investigación sobre novas técnicas intelixentes na caracterización do formigón autocompactante contribúe á sustentabilidade e resiliencia das infraestruturas

A doutora en Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña (UDC), Gemma Rojo, foi galardoada co “Premio ANCI 2024 a Tesis Doctorales”, na súa XXVI edición; un recoñecemento que distingue anualmente as mellores investigacións no eido da enxeñaría civil. A súa tese, titulada «Investigación e novas técnicas intelixentes na caracterización do formigón autocompactante con residuos industriais e fibras para aumentar a súa sustentabilidade e vida útil», foi seleccionada pola súa contribución á innovación e á mellora da eficiencia no sector da construción.

A entrega do premio tivo lugar no Museo Nacional Thyssen-Bornemisza de Madrid, nun acto presidido polo ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, e que contou coa asistencia de representantes institucionais, autoridades académicas e directivos das principais empresas do sector. Ademais, outorgouse un accésit ao doutor Rafael Ruiz, da Universidade Politécnica de Madrid, pola súa tese “Deseño, caracterización e ensaio de vigas de formigón reforzado con fibras de alto rendemento para pontes de estrada”.

Na súa intervención, o ministro destacou a importancia da labor das enxeñarías e construtoras para desenvolver un novo modelo de infraestruturas que garanta a resiliencia ante catástrofes naturais, cada vez máis frecuentes e de maior gravidade, derivadas dos efectos do cambio climático. Nese sentido, sinalou que a tese premiada, elaborada por Gemma Rojo, «abre novos camiños para a economía circular na construción e contribúe a mellorar a resiliencia das nosas infraestruturas».

Unha tese ao servizo da sustentabilidade

A investigación de Gemma Rojo centra o seu estudo na aplicación de intelixencia artificial e novos materiais para optimizar a composición e as propiedades do formigón autocompactante, empregando residuos industriais e fibras de reforzo que permiten aumentar a súa durabilidade e reducir o impacto ambiental. Esta liña de traballo encádrase no compromiso da UDC coa investigación aplicada e a transferencia tecnolóxica, facilitando o desenvolvemento de materiais máis sostibles para a obra pública.

A premiada expresou o seu agradecemento pola distinción e salientou a importancia de seguir apostando pola investigación e o desenvolvemento de materiais innovadores que permitan construír infraestruturas máis sostibles e adaptadas aos desafíos ambientais actuais.

ANCI, compromiso coa excelencia e a innovación

ANCI, a asociación que agrupa as principais construtoras non cotizadas de España, promove anualmente e desde hai vinte e seis anos este galardón co obxectivo de impulsar a excelencia e a investigación aplicada no sector da enxeñaría civil. A presidenta a entidade, Concha Santos, destacou que as teses recoñecidas este ano abordan retos fundamentais como a sustentabilidade dos materiais e a eficiencia estrutural, aspectos clave para o futuro das infraestruturas.

Desde 1997, a asociación promove a eficiencia na contratación de obra pública e a consolidación dun tecido empresarial competitivo, innovador e solvente, mediante o fomento da concorrencia, a libre competencia e a igualdade de oportunidades para as empresas do sector. ANCI agrupa a 25 empresas construtoras, responsables do 20% da obra pública que se executa en España, con actividade en construción, concesións e servizos en máis de 40 países.

Comparte éste artículo
No hay comentarios