Especial Ano Castelao (v) “Sempre en Galicia”: o programa de radio en galego máis antigo é uruguaio, fala con acento rioplatense e arrecende a mazás

Sabajanes, Paula

Entrevista con José Piñeiro, Presidente do Patronato da Cultura Galega de Montevideo

É a audición do Patronato da Cultura Galega de Montevideo que, desde hai 74 anos, cada domingo comeza coa frase “Bos días, galegos. Eiquí, sempre en Galicia”. É o máis antigo do mundo no noso idioma e o 9 de marzo arrecendín nese estudo a mazás de Carballo na entrevista que os seus condutores, Antonio de Seárez e Ana Lorenzo, fixeron á escritora Silvia Tasende para falar do seu libro O espírito das maceiras. Ela di nesas páxinas que “Montevideo é un sitio do seu pobo que non se pode ver”, unha idea fermosa e nidia para ilustrar un país complexo que non coñece horizontes. O perfume das mazás galegas expándese máis alá dos mares con acento rioplatense.

O Patronato é símbolo de galeguismo e foi unha das entidades que asinou o proxecto de recoñecer a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como primeiro presidente galego. Na súa casa consérvase obras de arte, documentos, verdadeiros tesouros e o molde do busto do político galego que doaron a Rianxo. Cada 30 de xaneiro lembran a data do seu nacemento e este ano proxectaron o documental “Castelao, de chumbo a verba” e traballan para colocar unha estatua na Praza Galicia montevideana. Ademais, dan aulas de galego, literatura, historia, pintura, pandeireta e baile, fotografía e conta contos, entre outras actividades sociais e culturais. O seu presidente, José Piñeiro, falounos dos proxectos que teñen para o “Ano Castelao”.

Podes acompañar a entrevista, escoitando o programa Sempre en Galicia e as actividades do Patronato na súa Canle de Youtube; Patronato da Cultura Galega – YouTube

Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?

Ben, parécenos que Castelao é unha figura que ten que estar presente na historia recente de Galicia.

E que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?

É un acto de xustiza coa figura de Castelao, máis alá da repercusión que puido ter a nivel popular. Porque ás veces ti fas un acto con autoridades e o común da xente non participa, non está ao tanto do que pasa ou de por que pasa.

Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao por parte da Xunta de Galicia?

Parécenos importante. Neste ano, nos 75 anos do seu pasamento, facer ese recoñecemento da importancia da súa figura.

E por que cree que os grupos parlamentarios da Cámara Galega non apoiaron en xaneiro o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia, presentado polo bloque en base a iniciativa do Partido Galeguista e das entidades de emigración do Rio de Prata?

Posiblemente, temos que ter en conta que hai un oco na historia. Coa Guerra Civil e a posterior ditadura franquista hai un espazo de tempo que non encheu a figura de Castelao. Como que hai un aleiro. Hoxe, pode que os outros grupos non teñan interese en levantar a figura de Castelao. Como que non está no seu plan de recoñecelo.

Membros da Comisión directiva do Patronato: Francis Queijo, María del Carmen Lorenzo, Ana Lorenzo e o presidente Xosé Piñeiro

Vai a súa entidade facer algunha programación especial con motivo deste ano Castelao?

Xa fixemos o 30 de Xaneiro, o día de Castelao, coma todos os anos. Agora temos a presentación dun libro de Yolanda Díaz Gallego e temos pensado facer o recoñecemento de que este ano é dedicado a Castelao. Tamén presentamos ao patronato da Federación de Institucións Galegas a idea de colocar un busto de Castelao na praza Galicia. Que se ó foramos capaces de concretalo neste ano, superando o trámite administrativo burocrático fronte ás autoridades da Intendencia da Xunta Departamental de Montevideo, seria todo un éxito.

O Patronato hai datas que non esquece. As do mes de Galicia, que empezamos o primeiro domingo de Galicia, temos un ato no cemiterio central, aquí en Montevideo, ao pé dun cruceiro que trouxeron os irmán Fernández Vermella, que está no cemiterio central de Montevideo, que foi o primeiro monumento que houbo dentro dese campo santo. Todos os anos alí, facemos un recoñecemento aos galegos mortos no Uruguai. Recalcar o sentido profundamente democrático dese acto, porque alí estamos recoñecendo a todos os galegos mortos. Non a fulano, a mengano, o xentano, a todos os galegos: os que atoparon a fortuna que viñeron a buscar, é os que non a atoparon. Os que correron tras dunha sorte que ben poucos atoparon. Esta homenaxe é aos que a atoparon e aos que non. Despois, temos a misa falada en galego na catedral, que é unha misa que celebrase practicamente desde a fundación do patronato no ano 64.

E que pensa que diría Castelao se estivese agora aquí?

Estaría agradecido ás institucións de alén mar, que o seguen recoñecendo como a figura que é.

Un desexo para este ano, para os que formamos esta Galicia Universal?

Que podamos levar adiante as ideas que temos con respecto a reivindicar a figura de CastelaoMolde do busto doado a Rianxo polo Patronato da Cultura Galega

Fonte. https://www.igadi.gal/investigacion/observatorio-das-diasporas/

Comparte éste artículo
No hay comentarios