PPdeG: Bruxelas respalda a tramitación de Altri; Sánchez non debe bloquear os fondos Next Generation

Os eurodeputados do PPdeG, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, apelan ao respaldo que a Unión Europea deu á tramitación do proxecto de Altri por parte do Goberno galego para demandar a Pedro Sánchez que non obstaculice o acceso aos fondos europeos e á conexión eléctrica que a empresa necesita poder iniciar a súa actividade.

«O Goberno central xa non pode esconderse en palabras ambiguas nin continuar de perfil: ten que actuar para apoiar este proxecto que supón unha gran oportunidade para a modernización e o desenvolvemento económico de Galicia», insiste Millán Mon recordando que os fondos Next Generation aos que opta esta iniciativa dependen do Executivo estatal.

Vázquez, pola súa banda, lembra que o BNG tentou parar o proxecto en Bruxelas e varias veces a Comisión Europea tivo que pararlles os pés a eles. E, nesta liña, sostén que «poucos argumentos poderán atopar en Madrid para parar un proxecto que é viable e seguro e que ademais conta co aval europeo», e apela á responsabilidade de Pedro Sánchez fronte as «presións» que poida recibir do seu propio partido e dos seus socios. «A pelota está no tellado de Sánchez», sentenza.

«Se nega os fondos a Altri, quedará en evidencia algo que xa sabiamos: que ten máis interese en prexudicar ao Partido Popular que en beneficiar a Galicia e que lle importa máis o futuro do señor Besteiro e da señora Pontón que o futuro dos galegos e galegas», sostén cualificando esta hipótese como «intolerable».

Ambos parlamentarios coinciden en reivindicar que o proxecto de Altri é «un bo medio de innovación industrial e creación de emprego» e subliñan a necesidade de que «cumpra os requisitos legais e medioambientais». De aí que celebren como primeiro paso a declaración de impacto ambiental que, partindo de criterios obxectivos, foi aprobada favorablemente e se apoia en 34 informes por parte de 42 técnicos.

«NON É UN CHEQUE EN BRANCO E NUNCA O FOI»

O pontevedrés Francisco Millán Mon explica que «isto non é un cheque en branco e nunca o foi». Máis ben todo o contrario: «Altri terá que cumprir as numerosísimas condicións adicionais que esixen os informes da Xunta de Galicia e que, nalgúns casos, van máis alá da lexislación vixente».

Un «traballo rigoroso dos expertos» que, na súa opinión, contrasta coas «críticas xenéricas e sen substancia» da esquerda. Un punto de vista que comparte o seu compañeiro do Deza no Parlamento Europeo: «Fronte ao ruído, Galicia conta cun Goberno que funciona e que se toma en serio o emprego, a sustentabilidade ambiental e a competitividade da nosa terra».

Agora que «a avaliación rigorosa levada a cabo pola Xunta acredita que estamos a falar dun investimento seguro en termos ambientais», os eurodeputados do PPdeG poñen o foco na responsabilidade do Goberno central e critican a postura amosada pola oposición durante todo este tempo.

«O BNG, as súas asociacións e toda a esquerda en xeral están mobilizados contra este proxecto. Pero non por verdadeiras cuestións de fondo, senón por claros intereses partidistas e prexuízos ideolóxicos», sostén un Millán Mon ao que non sorprenden estas críticas dos que «sempre estiveron e estarán en contra de todo».

Adrián Vázquez, na mesma liña, indica que tanto o independentismo galego como «os restos do PSdeG» sempre se van queixar a que cheguen investimentos a Galicia «digan o que digan os estudios de avaliación ambiental» porque «viven da confrontación e están moi cómodos no canto peor mellor».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios