Lara Méndez di que Rueda no apagón puxo ao PP por riba de Galicia

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, denunciou hoxe que, ante a emerxencia producida polo apagamento do pasado 28 de abril, Rueda optou por unha “estratexia partidista” en lugar de atender os intereses da cidadanía. A deputada do PSdeG confrontou a resposta que deron os diferentes responsables políticos a unha situación “excepcional de alerta que puxo a proba o funcionamento das Administracións”. Así, dixo que foi “dunha gravidade tremenda” que Rueda se ausentase do centro de emerxencias (Cecopi) durante toda a noite, mentres o delegado do Goberno, Pedro Blanco, seguía “ao pé da emerxencia”. De feito, Blanco estivo no centro incluso co nivel 2 de alerta, cando a obriga da xestión correspondía á Xunta de Galicia.

“Queremos saber a que hora entrou e a que hora saíu Rueda do Cecopi”, reclamou Méndez tras sinalar que o Grupo Socialista rexistrou unha iniciativa parlamentaria en demanda dunha resposta. “Que fixo o señor Rueda? Chegou esa noite, fixo unha aparición breve, sacou unha foto e marchou. Pasou toda a noite e volveu aparecer pola mañá para dar unha rolda de prensa”, relatou Lara Méndez sobre un episodio no que se viu “un Partido Socialista traballando e outro, o PP, ausente”.

Destacou que os responsables socialistas estivesen “onde tiñamos que estar” tamén nos momentos nos que a situación non era competencia do Goberno central, “porque cando hai unha emerxencia hai que pensar no benestar dos veciños e das veciñas”. Outros, en cambio, “fixeron un ‘marcho que teño que marchar’ e aí quedades, unha actitude que responde a unha estratexia política moi clara”, denunciou. A parlamentaria do PSdeG lamentou, nese senso, que o obxectivo do PP fose “desgastar ao Goberno”, agardando a que fallase ou tardase en darlle solución ao problema. “Onde quedan os galegos e as galegas nesta estratexia partidista? Para que quere o PP máis competencias, se despois traslada a responsabilidade das que ten ao Goberno central?”, lamentou.

Lara Méndez invitou á Xunta a abrir algunha liña de axudas ás persoas e empresas que sufriron perdas debido ao apagamento. “Dado que aquela noite non se preocuparon, queremos saber que van facer agora, se van estar ao carón dos prexudicados”, dixo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios