O Consello do Estudantado da Universidade de Santiago de Compostela en defensa do Mestrado en Matemáticas

O Consello do Estudantado da Universidade de Santiago de Compostela aprobou no día de onte, a través dunha votación telemática, o seguinte texto en relación ao Máster Universitario en Matemáticas:

En defensa do Mestrado en Matemáticas

O Consello do Estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, como órgano que representa a todo o estudantado da USC, quere manifestar de forma clara e decidida o seu apoio á continuidade do Máster Universitario en Matemáticas impartido pola Facultade de Matemáticas da nosa universidade, cuxa oferta de novo ingreso foi suspendida para o vindeiro curso académico por decisión da Xunta de Galicia.

Esta decisión, motivada debido a que non se cumpre o Decreto 222/2011 en canto a número de estudantes matriculados, non ten para nada en conta a singularidade deste máster, único no SUG, que permite o acceso aos programas de doutoramento nas áreas de Álxebra, Xeometría, Topoloxía, Análise Matemática, Ecuacións Diferenciais, Astronomía ou Física Matemática, provocando unha fuga de talentos de todas aquelas persoas egresadas que queiran continuar estudos de posgrao nalgunha destas áreas.

Desmantelamento da universidade pública

Esta decisión por parte do goberno galego non obedece a ningún criterio estratéxico ou racional respecto á planificación do noso sistema universitario, senón que ven sendo reflexo da tendencia observada durante os últimos anos de desmantelamento da nosa universidade pública. Ademais, baséase no rexeitamento do carácter singular do título, sen que se xustifique mediante informes técnicos esta decisión ou se expliquen os criterios utilizados para tomar esta decisión. De ter sido recoñecida a singularidade, o número de estudantes non sería relevante.

Con todo o anterior, este Consello non pode máis que apoiar as demandas da comunidade universitaria da Facultade de Matemáticas, representadas na súa Xunta de Facultade, que ven de reclamar o pasado mércores día 28 de maio a continuidade desta titulación. Tamén, comprometémonos a apoiar calquera acción de protesta e/ou presión por parte do estudantado ou do resto da comunidade universitaria da Facultade de Matemáticas cara ás autoridades competentes que teñan como fin garantir a continuidade deste máster, así como tamén apoiar calquera forma de autoorganización deste estudantado con este fin.

Por último, reclamamos á Xunta de Galicia, así como a calquera outra autoridade competente, a traballar da man da Universidade de Santiago de Compostela para garantir a continuidade do Máster Universitario en Matemáticas e unha maior claridade nos criterios para conceder a singularidade a unha titulación

SOBRE O CONSELLO DO ESTUDANTADO DA USC

O Consello do Estudantado da USC é o órgano de participación e representación do estudantado na organización da vida universitaria.

O noso principal obxectivo é mellorar-nos a vida como estudantes. As nosas dúas misións fundamentais son defender e velar polo cumprimento dos dereitos do estudantado e da normativa e ser intermediario entre o estudantado e a administración da Universidade en asuntos que nos sexan de interese.

Comparte éste artículo
No hay comentarios