Sirat. Por @DulceCorcu

Hai tanto balbordo mediático a conta da actualidade política, que o doado sería escoller as conversas machistas dos implicados, os informes policiais filtrados á oposición antes que aos interesados, as queixas dos obispos porque eses roxos do goberno non adiantan eleccións, etc. Temos onde elixir, mais tamén no medio dese esperpéntico sainete que nin o propio Valle – Inclán poderia ter imaxinado, estaba a estrea de Sirat, película do galego Óliver Laxe premiada no festival de Cannes e, claro, non houbo dúbida na escolla. 

Ninguén antes de vela pode saber o que agarda unha vez que se apagan as luces. Un deserto de inmenso silencio rachado violentamente pola música electrónica, un son que parece doutro mundo naquel lugar inhóspito, só humanizado por un Sergi López que, co seu fillo e unha cadela, transitan por ese mar de loucura e terror que só será un breve anuncio do que estaba por vir. Imposible non sentirse atrapado neses corpos que se moven desacompasados, case sen alma, sen ver nin oír, só entregados a unha especie de «danzad, danzad malditos» que ben asinaría Pollack. 

Cando cesa a música, comezas a enloquecer Non hai unha soa imaxe que non supoña devastación e desolación, perdido xa o fío dunha trama que agora só consiste en sobrevivir ao entorno. Brutal en todo menos no sentimental, na capacidade de empatizar incluso nas peores circunstancias. De ser persoas mesmo cando os instintos son puramente animais. Entre o poético e o desgarro, a seguridade do sistema e o conforto da fe cando o mundo parece condeado a rematar. Sirat é unha viaxe dos sentidos que custa percorrer, porque doe e sentes o estómago revolverse de angustia en cada secuencia. Non hai nada pracenteiro nel…..Pero é tamén a oportunidade de entender que vivir é iso: correr riscos en cada decisión que tomamos. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios