Finalizada a primeira fase do Certame de Composicións Musicais Manuel María

A Casa-Museo Manuel María fixo pública, no día de onte, a resolución do Xurado da 1ª fase da IVª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais que ten por obxecto premiar a mellor canción lírica para voz e piano escrita sobre un poema de Manuel María.

O xurado decidiu escoller 5 composicións para pasaren á fase final, o máximo que se prevé nas Bases da convocatoria. Unha vez abertas as plicas o resultado foi o seguinte:

Tenrura, Manuel Pacheco Sánchez, presentada baixo o lema “Kosiesco”.
O meu barco, Luis Serrapio Fernández, presentada baixo o lema “Marexada”.
Nas leves tardes de outono, Yónatan Sánchez Santianes, presentada baixo o lema “No teu mar de tenrura”.
Eu son de Outeiro de Rei, Manuel María Veiga Lombardía, presentada baixo o lema «Cepelo 29».
Alborada, Xosé Alfredo Oliveira Pérez, presentada baixo o lema «Palla de centeo».

A canción gañadora determinarase entre estas 5 finalistas para o que se levará a cabo un concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María o día 4 de outubro do presente ano.

O xurado estivo presidido por Margarita Viso Soto, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga. Como vogal actuou Alejo Amoedo Portela. Catedrático de Música e Artes Escénicas na especialidade de Repertorios con Piano para Instrumentos. Tamén como vogal, Julio Cabo Meseguer. Catedrático no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Actuou de secretario, con voz e sen voto, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María.

O certame, convocado na súa cuarta edición, conta cun premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza. As composicións finalistas estrearanse o día da final, o 4 de outubro, interpretadas por un barítono e un pianista dentro dun concerto público de cancións galegas e volverán soar coa repetición do concerto no Museo de Belas Artes da Coruña.

Fotografía de portada. La pianista, Noemi Salomón, interpretando pezas finalistas III edición

Comparte éste artículo
No hay comentarios