CCOO asina o novo convenio de alimentación en Ourense con subas salariais de máis do 26 %

Tras meses de negociación e mobilizacións, o sector de comercio-alimentación da provincia de Ourense conta cun novo convenio colectivo, que foi ratificado polas persoas traballadoras en asemblea e asinado formalmente esta semana. O acordo supón un avance histórico nas condicións laborais dun sector clave na economía da provincia.

O texto recolle un incremento salarial acumulado do 26,08 % en catro anos, cunha suba do 11,74 % xa en 2025 (12,38 % no Grupo IV), seguida dun 6,35 % en 2026, e dous incrementos do 3 % en 2027 e 2028. Ademais, inclúe unha cláusula de revisión salarial anual cun tope do 2,5% para os anos 2027 e 2028 en caso de superar o IPC os incrementos pactados en convenio.

O convenio tamén incorpora melloras sociais destacadas: máis vacacións (ata 32 días), tres fins de semana de calidade garantidos, axudas escolares (80 €/mes) e nocturnidade (20 %), entre outras medidas.

Desde CCOO Servizos Galicia destacan que o acordo foi posíbel: «grazas ao apoio das plantillas e ao traballo serio, responsable e eficaz do sindicato na negociación». O novo convenio achega as condicións de Ourense ás doutras provincias galegas, e desde CCOO xa avanzan o seu obxectivo de lograr un convenio galego para o sector, que garanta igualdade salarial en todo o territorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios