O profesor do Campus Industrial de Ferrol, Joaquín Enríquez Díaz, vén de ser seleccionado, por segundo ano consecutivo, como un dos integrantes do xurado internacional dos QS Reimagine Education Awards 2025, un evento global que premia a innovación e a transformación no eido educativo. As distintas presentacións e o acto de entrega de galardóns terán lugar, entre o 1 e o 3 de decembro, no Centro de Conferencias Queen Elizabeth II en Londres, Reino Unido.
Os QS Reimagine Education Awards inclúen 18 categorías de premios centrados no futuro da aprendizaxe, da universidade e do traballo, así como na sustentabilidade e nos valores. Os equipos de proxectos preseleccionados terán a oportunidade de presentar, tanto de xeito presencial como en liña, as súas innovacións no marco deste evento organizado pola American University Of The Middle East (AUM).
Joaquín Enríquez Díaz (Ferrol, 1991) imparte docencia na Facultade de Humanidades e Documentación e na de Ciencias do Traballo, no Campus Industrial de Ferrol, e na Facultade de Economía e Empresa, no Campus da Coruña, onde tamén coordina o Plan de Acción Titorial (PAT) deste centro. A maiores, forma parte do Grupo de Investigación en Regulación, Economía e Finanzas da Universidade da Coruña (UDC).
Foto: Joaquín Enríquez, na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, un dos centros da Universidade da Coruña (UDC), nos que imparte docencia.