A vicesecretaria xeral do PSdeG na provincia de Lugo, Pilar García Porto, e a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, denunciaron publicamente a discriminación á que, segundo elas, o Goberno de Alfonso Rueda somete á provincia de Lugo. Ambas acusan a Xunta de excluír a provincia dos Fondos de Compensación Interterritorial (FCI) que o Goberno de España transfire para corrixir desigualdades.
García Porto advertiu que, segundo o informe do Consello de Contas, «dos 100 millóns de euros dispoñibles nos anos 2022 e 2023, Lugo non recibiu nin un só euro. Cero». A deputada tamén criticou que a Xunta non fose capaz de executar sequera a metade destes fondos.
Unha arma política e falta de transparencia
Para o PSdeG, a decisión de Rueda de excluír a Lugo destes fondos é «intolerable» e converte o FCI nunha «arma política» en lugar de nunha ferramenta de cohesión territorial. García Porto sostivo que «o PP prefire que os cartos volvan a Madrid antes que investir un só euro na nosa provincia». Ademais, criticou a falta de transparencia na xestión destes recursos, xa que os concellos non teñen forma de solicitalos nin coñecen os criterios de reparto.
Pilar García Porto e Lara Méndez esixiron explicacións a Rueda e a presidenta provincial do PP, Elena Candia, á que acusan de usar a provincia como «trampolín político».
O PSdeG levará o asunto ao Parlamento
Lara Méndez anunciou que o Grupo Socialista presentará unha batería de iniciativas parlamentarias para:
- Crear un rexistro transparente onde se detallen os investimentos con estes fondos.
- Establecer criterios públicos e xustos de reparto entre as provincias.
- Darlle voz aos concellos nas decisións sobre os proxectos e investimentos.
A parlamentaria tamén reclamou a Rueda que reconduza cara a Lugo parte dos máis de 50 millóns de euros que a Xunta deixou sen executar nos últimos exercicios. «A realidade é que temos un goberno que non executa, non reparte e non planifica», concluíu Méndez.