As cifras melloran as dos dous últimos anos, sustentadas especialmente nun gran mes de agosto, no que pasaron polo parque acuático 71.200 persoas.
O Aquapark de Cerceda despide mes de agosto cunhas cifras moi positivas en asistencia. O parque acuático cercedense rexistrou 136.500 visitantes entre os meses de xuño e agosto, que xa son máis que os preto de 120.000 do ano pasado.
Estes datos apóianse especialmente nun mes de agosto no que se venderon 71.200 entradas. Ademais, o parque viviu o segundo mellor mes de xuño da súa historia, con máis de 22.000 entradas despachadas dende a súa apertura. Pola contra, o mes de xullo foi algo menos positivo que en temporadas anteriores, pois foron 43.000 as persoas que visitaron o complexo. Estas cifras de xullo explícanse polo vento que afectou a Cerceda durante numerosas xornadas, que provocou un descenso da afluencia.
“Estas cifras confirman que o Aquapark segue a ser un motor de atracción turística fundamental para Cerceda e para toda a comarca”, sinala o alcalde do municipio, Juan Manuel Rodríguez. “Estamos moi orgullosos do traballo do persoal do parque e da confianza que milleiros de persoas depositan cada verán nas nosas instalacións”, afirma.
Ademais, Rodríguez agarda que “nos respecte o bo tempo e consigamos atraer público estes últimos días de setembro”, xa que o parque estará aberto ata este domingo, 7 de setembro.