Ataque fascista á sede do PSdeG en Lugo: A ‘brigada’ de odio estende as pintadas a negocios veciñais

 O PSdeG-PSOE da provincia de Lugo condena con absoluta rotundidade o novo ataque sufrido contra a súa sede provincial, rexistrado tan só uns días despois da anterior pintada. O ocorrido supón un salto cualitativo na gravidade dos feitos, xa que os autores estenderon as inscricións tamén aos baixos comerciais contiguos, prexudicando directamente á veciñanza.

Mensaxes de odio e fascismo

As novas pintadas presentan un contido abertamente fascista e ultradereitista, con mensaxes como “Vox es la salvación”, “Vota Vox 2027”, “Perros” e “Falange”. Este é un ataque directo á democracia e un intento deliberado de sementar o odio, a intimidación e a división social.

A Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto, advirte: O que estamos a vivir é unha escalada intolerable de violencia política e de odio. Non só se agride ao PSOE como organización, senón que se pon en cuestión os principios básicos da democracia, a convivencia e a liberdade de expresión, afectando ademais á vida cotiá da cidadanía”.

Un patrón organizado de violencia

Porto subliña que a reiteración destes ataques contra un partido democrático con máis de 140 anos de historia non é casual:

“Estamos diante dun patrón organizado de violencia política. Non é un feito illado; trátase dunha estratexia de odio alentada pola extrema dereita que busca normalizar a crispación e a intolerancia. Rexeitamos esta situación con total firmeza”.

Desde a dirección provincial, insístese en que estes actos amosan a covardía de quen os leva a cabo: “En lugar de confrontar ideas desde o respecto democrático, recorren á ameaza e ao insulto, facendo da violencia a súa única forma de expresión política”.

Ante a gravidade e reiteración dos feitos, o PSdeG-PSOE adoptará as medidas legais correspondentes e trasladará o sucedido ás autoridades competentes. Os socialistas conclúen que un atentado baseado no odio e na intolerancia é inaceptable nun estado democrático e non se pode tolerar nin un só ataque máis.

Comparte éste artículo
No hay comentarios