O PP de Lugo acusa á Deputación de “renunciar” a Fondos Europeos mentres Tomé se centra na súa “agonía” no PSOE

O Grupo Provincial do Partido Popular (PPdeG) na Deputación de Lugo denunciou que o goberno bipartito de PSOE e BNG volveu renunciar á captación de fondos europeos, sinalando que a inacción do presidente provincial, José Tomé, se debe á súa crise interna á fronte do PSOE de Lugo.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, criticou que, mentres as deputacións de Pontevedra e Ourense, lideradas polo PP, si concorreron e colaboraron activamente cos seus municipios para lograr importantes partidas europeas, a Deputación lucense «segue a dar as costas aos veciños da provincia ao renunciar aos fondos».

En concreto, o PP denuncia que o goberno provincial «nin concorreu nin liderou proxecto algún» na última convocatoria do Plan Edil para que chegasen axudas a Lugo, nin sequera colaborou cos concellos interesados.

Tomé, ocupado no seu «sillón»

Ameijide vinculou esta «renuncia» á situación política do presidente Tomé: «En lugar de colaborar cos concellos da provincia, vemos como a única preocupación de Tomé é seguir a pagar cada venres o imposto revolucionario marcado dentro do PSOE provincial para poder manterse á fronte do partido e no sillón da Deputación unha semana máis».

O voceiro esixiu a Tomé que «deixe de mirar para o seu embigo» e se poña a traballar polos 67 concellos e por todos os lucenses, lamentando que a provincia perde «oportunidades que o PSOE e BNG non se molestan nin en intentar coller».

Un patrón de desidia

O popular recordou que non é a primeira vez que Tomé «deixa tirados» aos lucenses na consecución de axudas.

Sinalou como precedente os dous PERTEs da auga, nos que a Deputación de Lugo non se puxo á disposición dos municipios nin liderou unha solicitude conxunta. Esta inacción contrasta coa Deputación de Ourense, que si liderou a iniciativa e obtivo axudas para 79 municipios ourensáns.

«A Deputación de Lugo, cumprindo coa súa obriga de colaborar cos concellos, debería liderar ou asesorar aos 67 concellos na obtención de axudas europeas sempre que haxa algún tipo de concorrencia, pero vemos como seguen negándose a liderar proxecto algún», insistiu Ameijide.

Ademais, o PPdeG recordou que o PSOE e o BNG non só se negaron a solicitar estas axudas para o ciclo da auga, senón que tamén rexeitaron en Pleno poñer en marcha un Plan Provincial de apoio aos concellos para mellorar o abastecemento de auga potable e saneamento.

Comparte éste artículo
No hay comentarios