Nestor Rego reivindica os logros do BNG na Lei de Mobilidade: avances decisivos para a Galiza e en beneficio dos e das galegas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reivindicou hoxe os avances decisivos conseguidos polo Bloque Nacionalista Galego na futura Lei de Mobilidade Sustentábel que permitirán mellorar o sistema de transportes da Galiza, garantir máis servizos públicos e un maior respecto pola realidade territorial galega e as súas competencias.

Rego salienta que as melloras introducidas son “froito do traballo constante, firme e rigoroso do BNG en defensa dos intereses da Galiza e dos galegos e galegas”.

“Co BNG, Galiza gaña. Gañan os dereitos da cidadanía, gaña a mobilidade sustentábel e gañamos todas e todos cun modelo de transporte que atende ás necesidades reais da nosa xente e do noso territorio” afirma o deputado nacionalista.

Impulso ao ferrocarril na mobilidade diaria na Galiza

Entre os logros máis destacados, o BNG conseguiu que a Lei inclúa unha disposición adicional que obriga ao Ministerio de Transportes a elaborar, nun prazo máximo de seis meses, un estudo específico de novos servizos ferroviarios para a mobilidade diaria na Galiza.

Este estudo, segundo explica Rego, analizará novas liñas e frecuencias, a reorganización da media distancia e a coordinación co transporte por estrada, avanzando cara a un modelo ferroviario que sirva realmente ás necesidades do país.

“Levamos anos reclamando que o tren se converta nun verdadeiro servizo público galego. Este compromiso legal é o primeiro paso para facelo realidade” destaca Rego sobre a mellora introducida na Lei, alén do compromiso adquirido polo Goberno para a implantación do servizo de cercanías ferroviarias na Galiza, conseguidas tamén polo BNG.

Protección das paradas de autobús e defensa do rural

Outro avance relevante impulsado polo BNG é a garantía de que non se supriman paradas de autobús en zonas sen alternativas de transporte, corrixindo así o mapa concesional do Ministerio, amplamente cuestionado.

“A norma estabelece que o Estado deberá manter esas conexións ou, se as asume a Xunta, compensará economicamente á Administración galega, de modo que non haxa custe adicional para Galiza nin perda de servizos no rural” enfatiza Néstor Rego.

“Evítase que zonas enteiras da Galiza queden incomunicadas. Conseguimos que se manteñan as 22 paradas nos concellos galegos e que, se a Xunta as asume, non lle supoña gasto ningún. Mesmo lle facilitamos o traballo ao PP no Goberno galego” subliña o deputado do BNG mentres sinala que máis de 130.000 galegos e galegas poderán seguir empregando este transporte grazas ao BNG.

Recoñecemento da realidade galega: dispersión e despoboamento

O BNG tamén logrou introducir entre os principios rectores da Lei o recoñecemento da realidade dos territorios máis despoboados e dispersos, un criterio que responde directamente á situación da Galiza interior e rural.

“É fundamental que se planifique a mobilidade pensando no rural galego, onde moitas persoas dependen do transporte público para o seu día a día” sinala Rego.

Respecto polas competencias galegas e aposta pola intermodalidade

Outra das achegas do BNG á Lei é a incorporación dunha cláusula que garante o pleno respecto polas competencias das Comunidades Autónomas, asegurando que as disposicións básicas da norma non prexudiquen o desenvolvemento lexislativo e executivo, tal e como estabelece o Estatuto da Galiza.

Ademais, a través das emendas nacionalistas, a Lei promoverá a intermodalidade e un sistema multimodal integrado, facendo máis eficiente e conectado o conxunto da rede de transportes.

Unha mellor Lei grazas ao BNG e acordos políticos: o desbloqueo da AP-9

Rego engade, a todas as cuestións introducidas na Lei, un acordo para desbloquear a tramitación da Lei para a transferencia da Autoestrada do Atlántico á Galiza durante a negociación do Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel. Esta semana a Mesa do Congreso rematou o prazo límite para a presentación de emendas á totalidade e a vindeira semana -se non existe totalidade- deberá fechar o prazo para as parciais.

“Os feitos falan por si mesmos. O BNG é útil, é decisivo e traballa con resultados concretos. Grazas ao noso labor, Galiza móvese co BNG: está máis presente, máis respectada e mellor defendida nesta Lei de Mobilidade” sentenza Néstor Rego.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios