Sandra. Por @DulceCorcu

O suicidio sempre é unha solución desesperada, pero sobre todo cando só tes catorce anos e non ves outra saída. Sandra Peña vivía acoso escolar no seu colexio de Sevilla, relixioso e concertado, que non tomou moi en serio o que acontecía pese ás denuncias da familia da alumna. Quizais entenderon que activar o protocolo estipulado para estes casos estragaría o bo nome da institución educativa, sufragada con fondos públicos pero onde, como en tantos outros, fan da súa capa un saio.

O que quere dicir que se gobernan coas súas normas, e a xestión pública consiste en pagar para que presuman de «privado», vestir uniforme e prescindir de alumnado inmigrante na medida do posible. Que Deus só hai un e é o deles, por suposto. A familia da infortunada Sandra irá aos tribunais a que se depuren responsabilidades, sexan cales sexan, pero a súa filla xa non volverá. Para sempre quedará a impotencia e a frustración de poder ter feito máis, evitar unha morte agora xa inevitable. Que difícil ser adolescente neste mundo no que tanto hai para suplir calquera carencia que teñan e, sen embargo, de tanto parecen carecer. Que move a unhas crías a humillar constantemente a unha compañeira, a desfrutar co sufrimento alleo sen límite. Sabiano eses pais e nais? Non debe ser doado asimilar que estás a crir monstros…Pero peor é ter que vivir ca ausencia perpetua dunha filla que non tiña nada para morrer, agás o pánico a ter que volver a ese colexio, suponse, piadoso.

Comparte éste artículo
No hay comentarios