O catedrático da UDC Manuel Soto Castiñeira será o presidente da asociación ecoloxista ADEGA nos vindeiros dous anos

A asociación celebrou a súa 50ª Asemblea Xeral o pasado 25 de outubro na Coruña.

O pasado sábado, 25 de outubro, a organización ecoloxista ADEGA celebrou a súa 50ª Asemblea Xeral ordinaria de socias e socios na que renovou a composición da súa Xunta Directiva. O catedrático da Universidade da Coruña e profesor da Área de Enxeñaría Química Manuel Soto Castiñeira ocupará nos vindeiros dous anos a presidencia de ADEGA, substituíndo o que ata o pasado sábado ostentou ese cargo, o biólogo Roi Cuba Dorado. Soto xa encabezara a Xunta Directiva de ADEGA entre os anos 1996 e 2003, tendo que enfrontar desde a presidencia de ADEGA a peor marea negra da historia do noso país, a catástrofe do Prestige, na que a organización mobilizou e organizou a máis de 38.000 voluntarios e volunarias. Tamén foi secretario xeral entre 1992 e 1996, e durante moitos anos ocupou a vogalía de residuos e a de publicacións de ADEGA, responsabilidades que compaxinou coa dirección dos ADEGA-Cadernos ou da Revista Cerna, función que aínda desempeña a día de hoxe.

Coa renovación da Xunta Directiva, pasa a ser secretario xeral da entidade Miguel Leirós Nieves, substituíndo a Froilán Pallín Seco, quen ostentou o cargo durante 17 anos continuados. Tania Gómez substitúe tamén a Xoán Louzao na tesourería da organizacion, ao fronte da cal estivo Louzao nas últimas dúas décadas. A Asemblea manifestou o seu recoñecemento e gratitude polo traballo desenvolto ao longo de tanto tempo por Froilán Pallín e Xoán Louzao, así como ao resto dos membros da directiva saínte.

Nos vindeiros dous anos manteranse vixentes a maior parte das vogalías de ADEGA e recupéranse as de Biodiversidade, Minaría ou Ordenación do Territorio, ás que se suman outras novas: Ecofeminismo, Decrecemento, Agrogandeiría industrial, Participación na FEG e Tecnoloxías da Información.

De cara ao vindeiro ano, ADEGA dará continuidade ás campañas en contra da invasión eólica do país, na defensa do Ulla fronte aos proxectos da macrocelulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino, a prol de alternativas ao modelo de Sogama ou en contra a eucaliptización masiva do territorio. Tamén prevé dirixir os seus esforzos No eido da conservación da biodiversidade, co gallo de acadar dunha vez por todas que se amplíe a Rede Natura 2000 e de devolver o lobo ao seu estatus como especie protexida. Ademais, amplíanse as liñas de acción estratéxicas aos ámbitos do pacifismo, a mobilidade sustentábel e a agrogandeiría industrial.

Palestina, Altri, os lumes e recoñecementos

As persoas socias de ADEGA, reunidas en Asemblea o pasado 25 de outubro, aprobaron un total de seis propostas de resolución que atinxen a causas de actualidade: ADEGA esixe o alto o fogo definitivo e permanente en Palestina e demanda á UE e ao Estado español a inmediata cancelación das relacións diplomáticas e comerciais co estado sionista de Israel; manifesta o seu apoio aos concellos e persoas afectas pola vaga de lumes do pasado verán e demanda da Xunta unha mudanza profunda das súas actuais políticas forestais, ambientais e territoriais para protexer a poboación e o territorio de futuras vagas incendiarias; reclama ao goberno galego o rexeitamento definitivo da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, que define como “bomba ambiental” e auténtica afronta contra a cidadanía galega. Ademais de á Xunta, ADEGA tamén se dirixe ao Estado español para reclamar a asunción de responsabilidades no tocante ao seguimento e control dos posíbeis efectos das 140.000 toneladas de refugallos radioactivos vertidos durante 33 anos na Foxa Atlántica e o dereito da cidadanía a coñecer o estado en que se atopa os bidóns.

ADEGA lanza tamén unha proposta á comunidade científica e investigadora para que se analicen os efectos ecolóxicos, sociais e económicos que nos últimos 50 anos teñen exercido sobre o país as distintas vagas extractivistas e colonialistas do sistema capitalista. Así mesmo, a Asemblea tamén quixo recoñecer o papel fundamental das persoas fundadoras de ADEGA na construción dun movemento galego na defensa ecolóxica do país que, tras 50 anos de existencia, ten defendido de milleiros de agresións a nosa terra, conquerindo grandes fitos ao longo da súa existencia.

Entrega de premios e mesa redonda polos 50 anos de ADEGA

No marco da 50ª Asemblea Xeral de ADEGA tamén se fixo entrega dos Premios Osíxeno 2024-2025, en todas as súas categorías, e fíxose mención aos premios dioxina.

Na sesión de tarde, proxectouse o documental “A terra por gañar”, que conmemora o 50 aniversario de ADEGA, na Sala de conferencias do Quiosco Afonso da cidade herculina, onde tamén tivo lugar a Asemblea Xeral. Posteriormente, celebrouse unha mesa redonda na que Adela Figueroa, fundadora de ADEGA, María García, expresidenta de ADEGA-Coruña, e Manuel Soto, actual presidente da entidade, repasaron a traxectoria da asociación ecoloxista galega na Coruña, berce do seu nacemento.

Comparte éste artículo
No hay comentarios