O Concello de Noia e a Confraría de Pescadores “San Bartolomeu” presentaron hoxe a VIII Festa de Exaltación do Berberecho de Noia, unha cita que busca poñer en valor o produto estrela da ría: o berberecho noiés.
Na presentación participaron Adelo Freire, secretario da Confraría; Francisco Pérez, alcalde de Noia; e Manolo Seijas, tenente de alcalde.
O alcalde Francisco Pérez animou á veciñanza e visitantes a participar nesta celebración, destacando que “o berberecho é un símbolo de identidade e calidade, e este evento é unha magnífica oportunidade para reivindicalo”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde Manolo Seijas subliñou “a importancia de manter vivas este tipo de iniciativas que contribúen a dinamizar a economía local, promovendo a hostalaría, o comercio e o turismo da vila”.
O secretario da Confraría, Adelo Freire, foi o encargado de presentar o programa desta oitava edición, que contará con actividades gastronómicas, culturais e solidarias arredor do berberecho.
O xoves 6 de novembro, o recoñecido cociñeiro Pepe Vieira, galardoado cunha estrela Michelin, visitará os bancos marisqueiros de Noia. Ese mesmo día, pola tarde, ofrecerá un showcooking na Praza de Abastos, onde o berberecho será o gran protagonista.
Para asistir ao showcooking será necesario solicitar invitación previa no correo electrónico: cofradia@cofradianoia.org
Ás 19:00 horas dará comezo tamén o “Vai de Tapas”, un percorrido polos establecementos hostaleiros locais que ofrecerán creacións culinarias elaboradas con berberecho.
A festa culminará o domingo 9 de novembro coa gran degustación popular na Alameda, a partir das 13:00 horas, na que se servirán dúas racións de empanada (de millo e de trigo), arroz con berberecho e bebida. A degustación realizarase mediante un donativo solidario a beneficio de Cáritas e Cruz Vermella, entidades de fin social que colaboran co evento.
Con esta nova edición, Noia reafírmase como referente gastronómico e marisqueiro de Galicia, promovendo un produto único que combina tradición, calidade e compromiso social.