Especial Ano Castelao (XV) “Castelao e á Xeración Nós transmutaron unha Galicia sentida nunha Galicia pensada e dona dun discurso universal”, salientou Carlos Rodríguez Brandeiro

Sabajanes, Paula

O Centro Galego de Buenos Aires acolleu un festival artístico con motivo do Ano Castelao. Grupos musicais e de danza de seis asociacións galegas protagonizaron dunha noite dedicada a vindicar a figura do político galego na capital arxentina. Celebrado no mítico Teatro Castelao, contou coa presenza do Cónsul Xeral de España, José Maria Ridao, os presidentes das entidades organizadoras e o Director do Colexio Santiago Apóstolo e membro da Real Academia Galega, Carlos Rodríguez Brandeiro. O secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López, enviou un saúdo gravado o recitado do poema “na morte de Castelao” de Ramón Cabanillas.

O último día de outubro a un cento de persoas reuníronse no Centro Galego de Buenos Aires no festival artístico organizado para homenaxear a figura do insigne político rianxeiro, a 75 anos do seu pasamento. Nesa “esquina universal da galeguidade”, o presidente da entidade, Ramón Suárez foi o encargado de dar a benvida a unha xornada de música e danzas tradicionais galegas na que tamén tivo lugar unha palestra sobre a dimensión da figura de Castelao e a súa importancia para unha nova idea de Galicia a cargo de Carlos Rodríguez Brandeiro.

“Castelao, xunto á Xeración Nós, transmutou unha Galicia sentida nunha Galicia pensada, artellada, e dona dun discurso universal”, sostivo na súa intervención de apertura. “Hai presencias inconmensurables, conciencias tutelares cuxa pegada non se apaga co remate dunha liña biográfica. Esta noite, neste Centro Galego, áncora que nos aferra á terra, faro que fende a escuridade da distancia, xuntámonos para honrar a herdanza dun home que endexamais se resignou, que denunciou inxustizas cando outros calaban, que pelexou pola liberdade cando a liberdade era un crime, que defendeu a súa patria e ansiou vela unida turrando por xunto cara ao común”, remarcou o académico.

“Castelao comprendeu que un pobo sen pensamento propio é un pobo subalterno e por esta razón tan lóxica loitou para que deixaramos de estar no mundo e pasaramos de una vez por todas a ser parte do mundo coa cabeza ergueita de querenza cara ao noso”, engadiu e chamou aos presentes a non pensar no “inmenso legado como un obxecto de museo, inerte, en troques de sentilo como unha cartografía por descifrar ou unha ferramenta coa que construír”. Así mesmo, instounos a non “confinar esa herdanza nunha vitrina de reverencia” que leve ao seu “esvaecemento” ou a reduza a un epitafioFotografía de Patricia Alonso. Paula Sabajanes, coordenadora do Especial Ano Castelao 2025 do IGADI, oficiou de presentadora do evento.

Para Brandeiro, a cultura que Castelao defendeu, non é unha poza de augas mansas senón unha ría, un espazo de pulso salgado, un lugar de encontro, por veces vehemente, máis sempre fecundo onde o río da nosa memoria ancestral colide co océano aberto da modernidade”. E defendeu unha posición activa das galegas e galegos do exterior. “Que ninguén ouse dicir nunca máis que a diáspora é a periferia, a sucursal da nostalxia, somos a proba irrefutable da nosa capacidade de resiliencia. Da nosa vocación universal, desde esta beira do océano pode e débese pensar Galicia. Porque aquí non reside un eco senón unha voz. Non só unha memoria, senón un pensamento activo que destila verdades”, enfatizou.

O cónsul xeral de España en Buenos Aires, José María Ridao, fixo fincapé na dimensión de escritor e de artista comprometido coa súa lingua e a súa cultura para a defensa da sociedade do político galego. Así mesmo, referiuse á idea das tres Galicias que se conxugan no seu pensamento: a territorial, a ideal e a universal, que vinculou cos principios que e destacou da comunidade galega no país como son a solidariedade e a defensa da liberdade. Tamén o secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López, enviou un saúdo gravado e o recitado do poema “na morte de Castelao” de Ramón Cabanillas.

Ao longo da tarde sucedéronse actuacións musicais e de bailes de cinco centros galegos. Participaron as escolas de zanfonas, canto e pandeireta da Asociación Benéfica e Cultural do Partido de Corcubión, os grupos de bailes tradicionais, gaita e percusión do Centro Galicia de Buenos Aires, o grupo de música e bailes tradicionais da fundación Xeito Novo de Cultura Galega, os músicos e bailaríns do Centro Galego de Avellaneda, a cantante e compositora Graciela Pereira en representación do Centro Betanzos de Buenos Aires, así como as agrupacións do Centro Cultural do Partido da Estrada.

Fuente. IGADI

Fotografía feita o 6 de Nadal do pasado ano 2024, na data do Homenaxe a Castelao como recóñecemento do «Primeiro Presidente de Galicia e Precursor do Noso Autogoberno». A beira de Chesqui está, Ramón Suárez»O Muxo

Comparte éste artículo
No hay comentarios