Ameijide afirma que o estado de abandono e falta do mantemento máis básico do Museo provincial “é unha clara mostra do que é o BNG cando xestiona algo, non é capaz nin de arranxar as goteiras por todo o museo”, reclamando “un esforzo moito maior para garantir un mantemento axeitado e que o Museo estea nas condicións que como merece un espazo clave para a cultura da nosa provincia”.
O Museo provincial de Lugo “está nun estado de mantemento moi mellorable”. Así o confirmaba o voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, tras realizar hoxe unha visita ás instalacións, confirmando así “o deficiente estado de mantemento” do Museo, unha instalación que “debería ser un dos buques insignia da cultura na provincia e que, por desgraza, amosa un abandono evidente por parte do goberno provincial de PSOE e BNG”.
Antonio Ameijide lamentou que calquera turista ou lucense que se achegue ata o Museo poida ver, ademais das obras presentes nas instalacións, goteiras en numerosos puntos, humidades en moitas paredes e arranxos impropios dunha instalación coma esta. “Incluso o tellado da cociña, que se arranxou hai pouco tempo, continúa en mal estado e segue a filtrarse auga pola cuberta reparada. É unha clara mostra do que é o BNG cando xestiona algo”, denunciou.
O voceiro popular esixe ao goberno provincial — especialmente ao BNG como responsable da área de Cultura — “un esforzo moito maior para garantir un mantemento axeitado e que o Museo provincial estea en condicións dignas, como merece un espazo clave para a cultura da nosa provincia”.
ATENCIÓN ÁS RECLAMACIÓNS DOS TRABALLADORES
Antonio Ameijide reclamou tamén un reforzo do persoal e mellores condicións laborais para os traballadores, recordando a PSOE e BNG (que sempre se erixen en defensores dos dereitos laborais) que “é necesario escoitar as súas reivindicacións, formuladas xa en 2023, e que non tiveron resposta ningunha por parte do goberno de PSOE e BNG”.
O voceiro popular lembrou tamén que en xuño de 2024 o Grupo Provincial Popular xa solicitara o reforzo do persoal do Museo Provincial, especialmente na quenda de tarde, para garantir unha mellor cobertura da atención aos visitantes, “ao existir naquel momento unha clara desigualdade entre a quenda de mañá e a de tarde, con moi poucos efectivos pola tarde”.
“O Museo Provincial é un símbolo da nosa historia e da nosa identidade, e non pode seguir sufrindo a deixadez e abandono de PSOE e BNG, polo que nós seguiremos reclamando o coidado e o respecto que merece un espazo tan importante para Lugo e para toda a provincia”, sentenciou.