Remataron onte na Casa dos Poetas de Celanova as Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española que organizou o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, e fixérono cunha mesa redonda na que falaron protagonistas daquel período en Ourense: Nemesio Barxa, Manuel Peña-Rey, Dolores Alonso Reverter e Alfredo Suárez Canal. Lembraron os catro as súas experiencias na loita antifranquista e historias familiares, como na caso de Dolores Alonso, cuxos pais se coñeceron polo paso das cadeas do Cumial e de Celanova: o pai, preso asturiano, a nai, filla de presos (e presa ela tamén durante determinado período en Bande en plena guerra).
Falou Dolores de como activaron o Movimiento Democrático de Mujeres en Ourense e das inseguridades nas primeiras accións. Falou Barxa, quen se declarou independentista, como entre os avogados das esquerdas se repartían o traballo de defensa e como militantes nacionalistas se ocupaban de casos dos comunistas e viceversa. El mesmo defendeu a Manuel Peña-Rey, e comentou como cando daquelas se entraba nun tribunal franquista sabías máis ou menos como ías saír fronte a incerteza que provocan hoxe os xuízos en determinadas instancias, e as sorpresas que se dan.
Peña-Rey contou como se organizaba o activismo político na clandestinidade, de como as entidades culturais foron os espazos desde o que puido combater “a miseria intelectual do franquismo”. Tamén falou dos riscos que asumiron, desde a cadea até sancións administrativas, e do salto do ecoloxismo á axenda pública.
Falou Suárez Canal de como ao nacionalismo -efervescente no final do franquismo, incipiente, mais inda débil estruturalmente- faltoulle tempo para consolidar unha resistencia máis firme desde Galiza á Transición negociada polas elites.
Pola mañá, na presentación da obra colectiva ‘A Transición en Galiza’, editada por Laiovento hai un par de anos, interviron Adela Figueroa e Fran Redondo. Adela, poeta, novelista e ensaísta, fundadora de ADEGA e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega a mediados dos 70, contou as súas experiencias no ensino e as dificultades que tivo para traballar en galego naquela época e explicou como foi «a xente» quen impulsou de verdade loitas como as de Xove ou a da Fosa Atlántica cunha mobilización social que non se volveu a repetir no país até o Nunca Máis e que ve difícil que se poida dar na actualidade malia a que as agresións contra o territorio multiplicáronse. Adela vinculou lingua, territorio e nacionalismo galego e reivindicou a aproximación cara a lusofonía que orienta a súa actividade como escritora.
O historiador Fran Redondo trazou unha radiografía do Tribunal de Orden Público (TOP) desde as súas orixes a comezos dos sesenta até a súa disolución a finais do 77, para converterse apenas unha semana despois na Audiencia Nacional, co conseguinte traslado de xuíces e fiscais fascistas que xuraran os Principios do Movemento á propia Audiencia ou ao Tribunal Supremo. Redondo subliñou esta continuidade «endogámica e en defensa de privilexios» que se reproduciu tamén nas Forzas de Corpos de Seguridade e nas Forzas Armadas. É, advertiu, o que explica moitas das cousas que estamos a vivir hoxe na Xustiza española. Redondo achegou datos sobre os perfís dos máis de 400 galegos e galegas xulgadas polo TOP e sinalou que a represión política a través deste tribunal se cebou especialmente co nacionalismo vasco, e tamén co galego, así como co PCE e CC.OO.
Ademais, Redondo deixou un par de recomendacións para afondar na historia da xustiza desde o franquismo á democracia na obra de Juan José del Águila (*) e na súa monografía ‘Arelas de liberdade na Galiza: Galegos perante o Tribunal de Orde Pública’, editada por Laiovento no 2017.
No coloquio, Redondo deixou tamén unha réplica sinxela a esa lugar común de que o franquismo que se foi facendo “bo” co paso dos anos. “O franquismo comezou asasinando e morreu asasinando”, dixo. As fotografías son de Humberto Vergara,